Padrón recupera o servizo de abastecemento de auga

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

Quedan pendentes zonas altas da Picaraña, Extramundi e Herbón por un tema de presión

14 oct 2019 . Actualizado ás 19:53 h.

A empresa adxudicataria do servizo de abastecemento de auga potable do Concello de Padrón, Espiña e Delfín, acaba de informar de que a subministración xa está restablecido no centro urbano e outros núcleos do municipio. Quedarían pendentes as zonas altas da Picaraña, Extramundi e Herbón que, por mor da situación xeográfica, a presión de auga non se restablecerá por completo ata a nove da noite, segundo explica a empresa. Esta confirmou que substituíu nove metros de tubaxe danada. 

A rotura desta en tres puntos mantivo a boa parte do municipio de Padrón sen auga corrente. A avaría produciuse na tarde do domingo, de modo que a subministración se interrompeu sobre as sete ou oito da tarde. Persoal da empresa estivo a traballar hoxe na zona da avaría, localizada na estrada de Herbón, pero non estaba previsto recuperar a subministración ata última hora da tarde ou pola noite, como así acaba de confirmar a empresa. 

Para a reparación é necesario cambiar a tubaxe por unha nova, nun tramo de nove metros. O corte na subministración afecta o centro urbano e a parroquias como Iria ou Cruces, entre outros lugares. No centro urbano, os bares non poden traballar con normalidade á hora de servir cafés ou comidas e hai outros negocios, como barberías, que decidiron pechar. Establecementos e veciños expresaron o seu malestar pola falta de información sobre a avaría e sobre o restablecemento do servizo, de modo que teñen previsto presentar reclamacións no Concello e na empresa adxudicataria do servizo, Espiña e Delfín. "Está claro que as avarías non pódense evitar, pero pódese informar aos afectados", din desde un negocio. 

O Concello de Padrón acaba de colgar no seu perfil das redes sociais o escrito que a empresa Espiña e Delfín envioulle para informar da incidencia, de modo que ás doce do mediodía de hoxe empezou a restablecer o servizo, o que se prolongará durante un período de 5 horas, necesarias para purgar a rede e limpar as tubaxes, ademais de evacuar o aire acumulado nas mesmas. Por iso, informa de que, dado que a avaría afectou á maior parte da rede de abastecemento, a restitución total do servizo dependerá de como evolucionen os traballos de limpeza e purgado da rede.