«A xestación subrogada era a única opción que tiña para ser nai»

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O cancro privou a esta veciña de Padrón de poder xestar no seu ventre ou adoptar

18 sep 2019 . Actualizado ás 21:09 h.

O cancro privouna de poder xestar no seu ventre e o tratamento posterior de optar á adopción polo menos pasados os 50 anos. Por iso, a xestación subrogada foi a única opción que tivo Begoña Rial Angueira, unha veciña de Padrón de 42 anos, para ser nai. Xoel e Antía naceron o 15 de xaneiro de 2015, tres anos despois de que a Begoña lle diagnosticasen cancro de mama (é a terceira de catro xeracións da familia que sufriu a mesma enfermidade), aínda que cinco anos antes xa se fixo as probas xenéticas que lle deron positivas na mutación do xene que a causa. Hoxe conta a súa experiencia persoal co ánimo de botar un pouco de luz sobre a xestación subrogada, unha práctica non regulada en España.

Tras o diagnóstico do cancro de mama, no verán do ano 2012 Begoña e o seu marido, Pablo Díaz, foron na Coruña a unha reunión informativa nun organismo oficial da Consellería de Política Social, a pesar de que, polo momento, non tiñan pensado empezar co proceso. Pero o panorama que lle presentaron alí foi «máis que negativo», «demoledor psicoloxicamente», di Begoña, tanto que aínda se emociona cando o conta agora. Así, explica que para poder adoptar un neno teñen que ter pasado cinco anos desde o último tratamento contra o cancro, incluída a pastilla diaria que toma desde fai seis anos e da que quedan polo menos outros catro máis. A súa nai, Lydia Angueira, que tamén sufriu cancro, leva 11 anos con ese tratamento e non sabe cando acabará polo que Begoña botou contas e viu que, ata pasados os 50 anos, non podería adoptar, polo que «desistín de facelo», afirma. «Se me deixaron adoptar, fíxoo», precisa.

«quedei con ese nome»

Tras ese mal grolo, un día nunha comida de amigos, unha comentoulle «primeiro recupérache do cancro e despois interésache pola xestación subrogada. E quedei con ese nome», conta. A partir de aí, a súa vida virou ao redor desa posibilidade e dedicou horas e horas a informarse do que é a maternidade subrogada, sobre todo en Internet onde, recoñece, «hai de todo». En 2013, tras acabar os tratamentos de quimioterapia e radioterapia, Begoña foise a Barcelona coa súa nai para informarse nunha asociación da xestación subrogada. En xullo dese ano viaxou co seu marido a Kiev, en Ucraína, para informarse da regulación, valorar a situación do país, ver clínicas e outros recursos sanitarios. «Pareceunos que todo estaba correcto pero regresamos coa idea de non facelo», polo menos non coa asociación coa que contactaran, asegura.

De volta en Padrón non deixou de informarse noutros países, desde Canadá a Estados Unidos, incluídas entrevistas de madrugada con médicos ata que un día lle saltou un nome que considera «clave» no seu proceso, o da avogada da Coruña Ana Miramontes, experta en adopcións internacionais e en xestación subrogada. Así, en outubro de 2013 asinaron o contrato coa axencia que se ocupou do proceso, Neogenia, e seleccionaron á nai gestante, Sveta. «Foi vela e tivémolo claro», relata Begoña.

Empezaron con todos os trámites necesarios, desde o certificado médico oficial da oncóloga «conforme non podía ser nai por problemas médicos»; dar fe ante notario de que ese certificado é verídico; traducilo en Madrid ante un tradutor xurado; conseguir o selo internacional e enviar todo ao Ministerio de Sanidade de Ucraína para que aprobase o proceso. «Ao non traballar por estar enferma, dedicábame todo o día a iso», explica Begoña Rial.

«Estamos embarazados»

Unha vez que o ministerio ucraíno aprobou o seu proceso, asinaron os contratos e o 12 de maio 2014 chegou a noticia: «Estamos embarazados», conta. Para Begoña «é importante pór voz á nai gestante», coa que manteñen relación por decisión das dúas partes e de feito os seus fillos teñen unha fotografía de Sveta no seu cuarto e saben que «naceron da barriga de ela», explica. Di que é importante darlle voz a Sveta porque quere revelar os motivos que lles deu para ser nai gestante. O primeiro, deixar de traballar para coidar ao seu fillo pequeno, ao que non puido dedicarlle moito tempo; porque o embarazo foi dos momentos máis felices da súa vida; reunir diñeiro para os estudos dos seus fillos e, para rematar, porque «non acababa de entender a felicidade dunha familia sen fillos», segundo explica Begoña.

E esa felicidade da que falaba Sveta foi completa o día que naceron Xoel e Antía, lembra emocionada Begoña. «Ninguén mo contou. Ese día eu estaba alí e Sveta declarouse feliz de vernos a nós tamén felices». Aínda emocionada, Begoña asegura que «xamais lle poderei dar a ela o que ela me deu á miña» e encomia a «xenerosidade» da nai gestante.

«Tiven claro que o benestar da gestante era o dos nosos fillos»  

Catro anos despois do nacemento dos seus fillos, Begoña asegura que ela e o seu marido están «moi felices e convencidos de que tomamos a mellor das decisións», sobre todo porque teñen a «conciencia tranquila» de ter feito as cousas ben, con todas as garantías para a nai gestante, que me demostrou que non o facía por interese económico», sinala. Tamén lembra que ela non tiña outra opción para ser nai e que mesmo, como enferma de cancro, tiña difícil o acollemento. «É moi inxusto que non che deixen adoptar; eu fíxoo de ter podido», afirma.

É consciente de que a xestación subrogada ten detractores pero é moi clara: «entendo e respecto ás persoas que están en contra porque é algo complexo e difícil pero o único que pido é respecto. Non fixen nada malo e moito menos os meus fillos», di en alusión a que, en Padrón, xa ten escoitados certos comentarios.

Lembra que fixo o proceso nun país no que a práctica está regulada con todas as garantías legais e no que os motivos médicos, e moi xustificados, son a única razón para autorizala, sempre en parellas heterosexuais. «Estareille eternamente agradecida á nai gestante, pero no noso caso fixemos as cousas ben, con todas as garantías porque sempre tivemos claro que o benestar da nai era tamén o dos nosos fillos».

Begoña quere levar aos seus fillos a Kiev a visitar «á nosa familia ucraína, pero quero agardar a que sexan maiores para que quede o recordo», afirma.