A nova pasarela sobre o Sar, en Padrón, lista para a súa apertura

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Medio Ambiente pon en valor que a estrutura metálica entre o Campo da Barca e O Bordel axudas a humanizar o pobo

19 sep 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

O Concello de Padrón abrirá «en breve» a nova pasarela peonil sobre o río Sar, que comunica o Campo da Barca e a zona do Bordel. Así o avanzou onte o alcalde, Antonio Fernández, durante a visita que realizou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para comprobar como quedou a estrutura metálica, de case 30 metros de longo por 2,5 de ancho, cun orzamento de licitación de máis de 130.000 euros.

A pesar de estar pechada ao paso, nestes últimos días foron moitos os que xa cruzaron por esta ponte desde O Bordel á Barca e viceversa. O rexedor padronés explicou que a colocación da pasarela era una «vella reivindicación» do municipio, e lembrou que hai máis de 30 anos xa existiu outra ponte nun punto do río moi próximo, pero foi derrubado polas riadas.

Pola súa banda, a conselleira sinalou que esta obra lle fai especial ilusión, porque supón contribuír a humanizar a vila de Padrón e, con iso, a mellorar a vida dos veciños. Beatriz Mato asegurou que a pasarela peonil de Padrón é unha mostra máis do «esforzo que fai a Xuntas por ter vilas o máis humanizadas posibles», e incidiu en que se instalou co «firme convencemento» de que tiña que ser un paso peonil e para bicicletas, e non para vehículos, como a que existiu no seu día. A conselleira recoñeceu que a obra non foi todo o rápido que se desexaba debido aos permisos sectoriais.