A rotura da presa do río Ulla en Sinde, en Padrón, favorece o remonte de especies de interese

Medio Ambiente non ten previsto reparala a pesar de que o coto quedou inhábil para a pesca de salmón

.

padrón / a voz

A Consellería de Medio Ambiente non ten previsto reparar a presa do río Ulla no tramo do coto salmonero de Sinde, na parroquia de Carcacía, no municipio de Padrón, tal e como reclaman os pescadores para que este punto deixe de ser inhábil para a pesca desta especie.

A parte central da presa derrubouse en xaneiro do ano 2016 e, segundo explican desde a consellería, iso facilitou o remonte dos peixes e produciu unha diminución do número de salmóns que se pescaban ata entón neste coto, unha vez que esta especie deixou de parar neste punto a descansar.

No entanto, o número de sabogas, tamén coñecidas como zamborcas e que son controladas pola estación de Ximonde, «multiplicouse exponencialmente pasando da captura dun escaso número de individuos anual á captura de máis de 200 sabogas nos últimos dous anos», segundo Medio Ambiente.

Por iso, a consellería fala de que «a mellora que o derrube da presa de Sinde produciu sobre o remonte dos peixes migradores no río Ulla foi positiva para este ecosistema enclavado na Rede Natura 2.000». Engade que, neste contexto, «débese ter en conta que a saboga é unha especie bastante escasa en Galicia, que só se atopa nos ríos Ulla, Eo e Miño» e que aparece incluída nunha directiva europea de conservación dos hábitats naturais, así como da fauna e flora silvestres, segundo explica Medio Ambiente.

A consellería recorda que no ano 2015 entrou en vigor o plan técnico de xestión de augas salmoneras no río Ulla e que un dos seus obxectivos é «facer que a pesca do salmón neste río sexa sostible; para iso se abriron novos coutos de pesca, co gallo de tentar cambiar a pesca tradicional do salmón neste río tentando ofrecer alternativas a pesca vantaxosa augas abaixo de obstáculos».

Xa que logo, o coto de Sinde seguirá coa rota presa, para desgusto de pescadores, que recordan que este foi un dos mellores cotos salmoneros de España. E quen, seguramente, lamenten tamén que non se repare a presa do río son as casas de turismo rural de Padrón, que deixaron de aloxar clientes que chegaban á zona atraídos pola pesca do salmón en Sinde.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

A rotura da presa do río Ulla en Sinde, en Padrón, favorece o remonte de especies de interese