Manuel Mirás: «Dende outras latitudes seguirei loitando polo benestar de Oroso»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

PACO RODRÍGUEZ

Histórico rexedor socialista, despídese do cargo co proxecto pendente da Vía Verde

06 may 2021 . Actualizado ás 23:46 h.

Manuel Mirás, alcalde de Oroso, deixará o cargo o vindeiro 10 de maio, o mesmo día, lembra, que hai 38 anos iniciaba una longa traxectoria política. Continuará como concelleiro unhas semanas máis nas que posiblemente defina un futuro, tamén político, pero non tan apegado a un teléfono que desexa apagar para gañar tranquilidade e ter máis tempo para facer deporte, ir á súa empresa e escoitar como unha das súas fillas preguntaralle se pode ir polo neto ao cole. E, por suposto, dicir que si, encantado.

-Nunha entrevista súa de 1999 dicía que quería deixar a política. Pasaron 22 danos daquela reflexión e aínda segue. Por que?

-Daquela tiñamos expectativas de que podiamos gañar as eleccións municipais e non foi así, polo que puxen o cargo a disposición do partido. Ninguén da agrupación quixo aceptalo porque entendían que despois do traballo feito gobernando en coalición podía conseguir un cambio para Oroso.

-En todos estes anos compaxinou o traballo profesional coa alcaldía e con moitas responsabilidades no PSOE, pero encabezar unha moción de censura apartouno do seu partido. Como o lembra?

-Para explicar a moción de censura bástame dicir que o alcalde daquela convocaba plenos e el non asistía porque os seus non o votaban, polo que había que facer algo. Se Oroso non apoiase a moción, a doce meses, e con outras siglas, non tería gañado as eleccións. Na miña biografía tería que falar dos que, no meu partido, me preguntaban cando ía saír a moción e despois non me apoiaron. Que non me puidera presentar como candidato do PSOE nas seguintes eleccións foi unha inxustiza e así o entendeu a cidadanía. Daquela, o PSOE pasou de 1.800 votos a ter 150.

-Leva como alcalde de xeito continuado desde o 2002. De que proxecto se sinte máis satisfeito?

-O que cambiou Oroso totalmente foi a recuperación de espazos verdes de xeito organizado como a Alameda de Góis e o paseo do Carboeiro. Ademais, conseguimos algo que moi poucos concellos fixeron, ter un Plan Xeral en tres anos. Grazas a ese traballo tivemos terreo gratis para o novo centro de saúde, unha nova escola infantil, un pavillón... Tamén fomos pioneiros en abrir as sendas peonís que agora se están a facer por toda Galicia. Podo dicir que síntome inmensamente satisfeito do feito, pero tampouco son Superman, e en todos estes anos teño claro que outra persoa podería ter feito máis ou cousas distintas. Pero, para ben ou para mal, a transformación de Oroso foi absoluta.

-E que espiña lle queda?

-Pois a Vía Verde. Agardo que despois de 15 anos de loita, cando comecen as obras, me inviten a poñer a primeira pedra.

-Pero recoñecerá que a situación de Oroso é privilexiada e houbo vento a favor con gobernos amigos para algúns proxectos...

-Efectivamente, pero hai que puntualizar as cousas. A situación estratéxica de Oroso existiu sempre, pero as infraestruturas non. Cando xurdiu o proxecto da AP-9 non estaba prevista ningunha saída nin entrada en Sigüeiro, e o PSOE e outras forzas políticas conseguímolas. E o mesmo pasou co recente enlace sur. Antes, Oroso non se coñecía en ningunha parte e agora somos coñecidos en Portugal, tamén no Reino Unido, en Suíza, e pronto en Italia porque a pandemia chafounos dous irmandamentos alí.

-Coa súa experiencia, como valora a situación actual dos concellos, con cartos de superávit pero con moitas limitacións para traballar?

-Gustaríame que me escoitasen onde me teñen que escoitar e falar da problemática dos concellos e da súa financiación. Mentres non teñan máis asignación as desigualdades van ser tremendas. Hai grandes cidades e algúns concellos que tiveron a sorte de que se instalase algunha gran industria e teñen máis financiación, pero os municipios de menos de 50.000 habitantes, agás uns poucos, temos moitos problemas. Agora, cando se entre no debate da financiación das comunidades autónomas tamén haberá que falar dos concellos.

-Cal sería a súa fórmula?

-Hai que dar competencias e poñer cartos. No meu caso, cada vez que sae unha lei, temblo, pensando que calquera proposta que haxa vai supoñer unha aportación económica dos concellos que pode ser do 60 %. Un exemplo está na Lei de Benestar Animal. A Xunta di que cando unha mascota entra nun refuxio e non se atopa o seu dono e non se consegue unha adopción ten que estar atendida ata que morra. Iso está moi ben, pero o custe é para os concellos. E se falamos do servizo de atención á dependencia, as axudas da Xunta e do Goberno Central supoñen unha financiación de uns 9,70 euros por hora, pero o certo é que este servizo está custando entre 18 e 24 euros por hora, dependendo da condicións dos pregos de licitación. O que non se pode facer unha administración é unha lei e que a pague outra. E como cando recibes unha invitación a un café e ao final tes que pagalo ti.

-Oroso é un concello cun reparto bastante equilibrado entre espazo urbano e núcleos rurais. Como se pode gobernar un municipio con dúas realidades que son bastante diferentes?

-Non cabe dúbida de que a forma gobernar e distinta, pero cada vez menos. Na zona urbana, como os servizos xa están instaurados, a xente o que pide son actividades e iniciativas de ocio, apoio para as familias e servizos educativos. E para o rural, as demandas céntranse en banda ancha e servizos básicos de abastecemento e saneamento, o que ten un custe elevado pola dispersión xeográfica. En Oroso, a principal aposta que fixemos para que o rural mantivera a poboación foi manter as escolas unitarias e temos cinco agrupadas nun CRA. Ao mesmo tempo, tamén dotamos a todas as parroquias de locais de ocio e espazos culturais e cívicos. E non nos esquecemos das infraestruturas de pistas e estadas. A nosa rede é impresionante o que fai tamén que nalgúns momentos nos vexamos e nos desexemos para podelas manter todas en bo estado. Pero aí están.

-Neste momento de pandemia semella que hai máis demanda e vivenda con espazos verdes. En Oroso estase a notar este cambio?

-O que si hai é moita máis demanda de vivenda para mercar ou alugar en Sigüeiro. O problema do rural é que tes mais espazo e podes ter mais contacto coa natureza, pero non tes os mesmos servizos. A lexislación urbanística tería que ser mais flexible, porque desenvolver un plan parcial, por exemplo, ten un custe moi elevado. Se non fose así, entre Sigüeiro e Porto Avieira hai un coroa na que se poderían construír máis vivendas, que estarían nun espazo rural pero ao lado da área urbana, polo que non sería necesario ter que coller o coche. 

-Quédanlle só uns días de alcalde, e Luís Rey vai tomar o seu relevo. Como ve a súa substitución cando vostede acaparou nestes anos todo o peso público?

-Fixemos o cambio neste momento para que a xente tomase conciencia que, maila que nas miñas alcaldías ese peso público estivo centrado na miña persoa, sempre fixen equipos moi bos e coordinados, por iso non hai ningunha dúbida de que a cultura do traballo en equipo vai seguir. Luís Rey pasou por moitas áreas de goberno, polo que penso que temos alcalde para moito tempo porque o concello de Oroso queda en boas mans.

-Nas últimas municipais, agás cando non se presentou vostede, foi a primeira vez que o PSOE baixou en votos. Non teme que a veciñanza perciba desgaste?

-Baixamos uns douscentos votos e quedamos a moi pouquiños da maioría absoluta e penso que foi porque moita xente daba por feito que repetiriamos esa maioría e non foi votar. Pero tampouco foi ningunha traxedia, porque xa non é a primeira vez que gobernamos co BNG, e sempre me sentín moi cómodo nun goberno con eles.

-Cal é a fórmula para gobernar en coalición e tamén para pechar os pactos con moita máis rapidez que en outros concellos?

-Penso que o éxito está en organizar moi ben o reparto de competencias de cada concellaría e deixar traballar. Facémolo como se fosen ministerios, con todas as competencias delegadas, pero tamén tendo en conta que se alguén mete a pata ten que asumilo. Tamén facemos reunións todas as semanas para deliberar e analizar o que se pode facer.

-Agora que a xente xa sabe que marcha, que sensacións está a recoller?

-Síntome moi respectado polo meu pobo e polo cariño que me está a transmitir a xente. E quero dicirlles que dende outras latitudes seguirei a defender os intereses de Oroso.