Colexios de Ordes, Trazo, Rois, Melide e Oroso ofrecen un club de ciencia e kit de robótica

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

SANDRA ALONSO

Ambas as iniciativas favorecen os contidos científicos contemplados no currículo escolar

10 dic 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Os colexios públicos de Sigüeiro (Oroso) e Dous Dis (Rois), e o instituto de Melide, ofrecen este curso un Club de Ciencia. Ademais, a Consellería de Educación dotou con kits de robótica aos colexios públicos de Mesón do Vento e Alfonso D. Rodríguez Castelao, ambos en Ordes; e ao de Viaño Pequeno, de Trazo.

Os clubs de ciencia teñen como finalidade fomentar vocacións científicas entre o alumnado e favorecer a súa orientación para materias de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, tamén denominadas STEM polas súas siglas en inglés. Cada centro recibe 1.500 euros para esta iniciativa de aprendizaxe non formal, baseada nunha metodoloxía de indagación, onde o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado para responder as súas curiosidades e intereses e resolver problemas.

Os kits de robótica, consisten en seis robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego , ademais de manuais de uso e guía didáctica, para alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria.