A área de Santiago abrirá o curso con 11.168 escolares de infantil e primaria

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

XOÁN A. SOLER

Nos concellos da contorna metropolitana hai 1.731 alumnos máis que na capital

10 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de dez mil nenos da área de influencia de Santiago despediron onte a última fin de semana de vacacións, xa que o vindeiro mércores arrinca un novo curso académico no que participarán 11.168 escolares dos ciclos de infantil e primaria. Este dato supera en 1.731 nenos a cifra de alumnado da mesma franxa de idade que ten praza nalgún centro escolar de Santiago, incluídos os colexios concertados e privados, co matiz de que unha parte significativa de alumnos de municipios veciños xa estudan en Compostela.

Ames é o concello con máis poboación escolar, repartida en 808 alumnos de infantil e 1.719 de primaria. Séguelle Teo, coa particularidade de que neste municipio o número de estudantes de primaria, 877, é moi similar ao rexistrado para o ciclo de infantil do municipio veciño.

Os datos que manexa a Consellería de Educación son semellantes para os municipios de Boqueixón e Vedra, aínda que neste caso ambos os concellos teñen centros compartidos.

A boa saúde no que a infantes se refire das áreas de referencia demográfica ten o lóxico contrapeso dos concellos nos que o censo de escolares é especialmente baixo. Chama a atención o caso de Santiso, con 35 nenos, vinte menos que en Toques, a pesar de que o censo de poboación do primeiro supera en 597 persoas ao segundo.

Salvo Ordes, nas cabeceiras de comarca hai menos alumnos que en Oroso ou Brión

O inicio de curso volve pór de manifesto a gran fenda demográfica entre os municipios e o peso crecente dos concellos limítrofes con Santiago. Que Ames e Teo son os concellos máis poboados tras Santiago é unha realidade evidente desde hai anos. Non o é tanto o feito de que, salvo Ordes, todos os municipios cabeceira de comarca, que absorben alumnado de concellos da súa área de influencia, teñan menos escolares de infantil e primaria que municipios como Oroso e Brión, que adoitan perder alumnado en favor de Santiago.

Esta situación é especialmente preocupante no municipio de Santa Comba, que no seu último censo ten rexistrados 9.477 habitantes, fronte aos 7.699 de Brión e os 7.452 de Oroso, a repartición dos 574 escolares xalleiros é de 199 alumnos de infantil e 375 de primaria, fronte aos 644 de Brión (209 de infantil e 453 de primaria) e os 655 de Oroso (219 alumnos de infantil e 436 de primaria).

Da comparativa tampouco se salvan, por orde de gravidade, Padrón e Melide, xa que o primeiro ten 8.46 habitantes e 649 escolares, mentres que a matrícula do segundo é de cen alumnos menos que en Oroso, que só o supera en 51 habitantes.

O balance de Arzúa tamén resulta alarmante. O seu censo, con 6.123 veciños, é inferior ao dos concellos de Brión e Oroso pero os datos de escolarización dos primeiros ciclos arzuáns son moi inferiores, con 132 escolares de infantil e 242 dos cursos de primaria.