A nova casa de costura de Ordes que converteu a Rocío na súa propia xefa, por primeira vez, aos 50

Por Patricia Calveiro

ORDES

CEDIDA

Aínda que cose desde os 18 anos, a veciña de Sigüeiro traballaba noutros sectores e agora, en Roxiñas, «foi abrir e non parar»

26 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

1 Empezou a coser cando tiña 18 anos. Aprendeu nun curso de corte e confección. «Fíxeno porque quería facerme roupa, non pensando en emprender», conta Rocío Vázquez. Desde entón, non aparcou o fío e a agulla. «Cosía para min, para a familia e coñecidos», pero nunca lle viu un futuro profesional. Tras traballar en distintos sectores, a veciña de Oroso decidiu dar o salto e converterse na súa propia xefa, por primeira vez, aos 50. Cumpriunos en setembro, o mesmo mes que abriu o seu propio negocio: Obradoiro de Costura Roxiñas. «Formeime en Xardinería, pero nunca cheguei a exercer. Dediqueime sempre á limpeza e aos mercados, como caixeira ou carniceira», conta Rocío, quen ao quedar en paro optou por facer un curso de carnicería. «Acabeino en maio, pero xa vía nas prácticas que a man non me ía aguantar... Para ben ou para mal, son bastante perfeccionista», sentenza, polo que dispuxo envorcarse nun oficio que sabe e pode exercer con soltura. Necesitou un pequeno empuxón da súa contorna para dar o último paso, pero hoxe a costureira de Guitiriz fincada en Sigüeiro non se arrepinte: «Os alugueiros eran bastante caros onde vivo e non tiña tantas facilidades. Ademais queda máis cerca Santiago, onde aínda hai bastantes costureiras e é fácil que a xente de aquí recorra a elas. Sen embargo, en Ordes, vía máis nicho de mercado e parecíame máis seguro para abrir a tenda. É un concello que colle moitísima aldea e, aínda que na zona hai moita tradición téxtil e moitas mulleres que traballaron en fábricas ou talleres de costura, non quedan tantas que saiban facer arranxos. De feito, eu pensaba que no primeiro mes non viría ninguén ao local. Os comezos son sempre duros e, sen embargo, foi abrilo e non parar». «Empecei facendo roupa a medida, porque hai moita xente maior que comprou toda a vida en casas que foron cerrando e buscan unha patronaxe que xa non atopan, pero descartei seguir coa confección porque non compensa. Un vestido lévache entre 14 e 16 horas e tiña moitísimos arranxos pendentes de roupa de vestir e de fogar», relata Rocío, quen planea nun futuro non moi afastado impartir clases de costura. Aínda que tiña medo de emprender, hoxe recoñece que foi un acerto: «Non me arrepentín de facelo. A miña parella levaba tempo dicíndome que abrira algo propio, aproveitando a miña experiencia como costureira, e tiña que habelo feito hai tempo porque isto é realmente o que me gusta. É unha profesión escrava, pero moi necesaria».

Enxeñeiros industriais

2 A delegación de Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia organizou fai uns días unha homenaxe a Antonio Pérez-Labarta e a Luis Caamaño Martínez ao cumprir respectivamente 50 anos e 25 no exercicio da profesión. Unhas 60 persoas (ademais dos homenaxeados) uníronse á cea celebrada o pasado venres no Hostal dous Reis Católicos.

«Son de Rois e non calo»

3Bárbara Bustelo, Romi Gómez, Sonia Ares, Marcos Freire, Vanesa García, Luis Gil, Vanesa Verduga, Daniel Bustelo, Vanesa Reboredo, Antía Feáns e Marta Blanco dan a cara nun vídeo impulsado polo Concello de Rois para lanzar unha mensaxe de tolerancia cero fronte a todos os tipos de violencia contra as mulleres. Eles instan o resto de veciños do municipio a apoiar ás vítimas; á vez que a elas lles lembran que non están soas, anímanas a denunciar aos seus agresores e reivindican o seu dereito a vivir a vida con liberdade. O traballo audiovisual, realizado pola empresa Alicentis, subscribe o lema da campaña deste 25N: Son de Rois e non calo. Foi compartido a través de YouTube.