O castelo de Mesón do Vento que viron os peregrinos e xa non existe

cristóbal ramírez

ORDES

CRISTÓBAL RAMÍREZ

Para distinguir algunha construción medieval habería que levar a cabo unha escavación como o Apóstolo Santiago manda

31 jul 2021 . Actualizado ás 11:32 h.

E sóbese e sóbese, aos poucos, ata as terras de Mesón do Vento, para logo descender cara ás Mariñas e Betanzos. Así que a ninguén se lle escapa que por forza había que controlar esas alturas. Sin duda fíxose en tempos prehistóricos (aí está o castro das Travesas para demostralo), e con seguridade en tempos medievais, como ben quedou demostrado nunha investigación da profesora Rosario Valdés.

E é esa profesora a que deixa unha referencia clara sobre o castelo, sin duda humilde, que houbo nesa parte alta, un lugar idóneo como destino dunha excursión con toda a familia, bicicletas incluídas, porque naquelas paraxes escasamente poboadas o risco de contraer o covid achégase ao cero absoluto.

De maneira que na rotonda da chegada a Mesón do Vento vírese á esquerda, rumbo a Cerceda pola DP-2405, e aos setecentos metros cóllase a pista ancha, descendente e sen sinalizar que arrinca á dereita, e aos poucos metros á esquerda por terra. Se hai bicicletas, ese é o punto perfecto para deixar o coche e pórse a dar pedais, e 400 metros máis aló -ou sexa, pasando baixo unha liña eléctrica-, á mesma man, divisando arriba unha vivenda branca que é a primeira do núcleo de Morgade. E se se ha ir andando e só se desexa dar un paseo, entón diríxanse os pasos cara a ela.

Pero se se dispón de tempo e ganas, toca descender por esa pista bastante ancha, moi emboscada, con sombra e, sen dúbida, moi grata, que vai chegar case á altura dunha pequena corrente de auga que é precisamente o Rego de Morgade e que discorre encajonado un pouco máis abaixo aínda.

Esa pista dá un gran xiro á destra, sen posibilidade de equivocarse porque non hai cruzamento algún, e na seguinte e longa recta, case pola metade desvío á esquerda que si se colle e nas dúas dúbidas seguintes, tamén á esquerda. E desa forma chégase ao mesmo punto pero facendo máis exercicio: a aldea de Morgade, un par de casas coidadas e nada menos que un templario en impoñente tamaño natural dentro do recinto dunha desas vivendas, para asombro do recentemente chegado.

Pero e a fortaleza, castelo, torre ou o que sexa? Pois indo ata a última casa á dereita, unha parella realmente amable sinala onde está e permite pasar ata ese territorio histórico: un espazo saturado de vexetación -Galicia é así- no cal, para distinguir algunha construción medieval habería que levar a cabo unha escavación como o Apóstolo Santiago manda.

Mentres tanto, e como di un dos habitantes do lugar «aí rozaron moito, moito, pero non vese nada». E cando se vexa, seguro que tamén sae á luz o castro sobre o cal todo apunta a que se edificou o castelo. E é que desde o enclave circular duns vinte e cinco metros cadrados controlábase o tráfico de persoas, mercancías e peregrinos. Eses peregrinos que ían desde A Coruña e desde Betanzos ata Santiago. E volvían, claro.