Prefires as flores de sempre ou un orixinal ramo de repolo?

La Voz

ORDES

XOAN A. ADOITAR

Chus Gómez e Carmen Rodríguez, de Ordes, sorprenden cos seus centros florais

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Non son flores nin exactamente verdura. Os ramos de ornamental repollo están a causar sensación e sorpresa na Praza de Abastos de Santiago. O pasado martes foi o primeiro día en que Chus Gómez e a súa nai, Carmen Rodríguez, cargaron con eses orixinais ramos e puxéronos á venda xunto aos doutro tipo de flor, as sempre vivas, tamén de longa duración. «Trouxemos uns poucos para ver como ían as ventas». E a resposta dos composteláns foi positiva. «Aínda que todos preguntan qué é e se se pode comer», explican. «Vendéronse todos e hoxe van saíndo tamén», comentaban onte. Chus aclara a quen lle pregunta que «repolos son, pero para comer, mellor os de sempre». Y es que, detalla, «son moi duros. Eu prefiro os repolos de sempre». A paisana de Ordes, que ten a súa leira en Barbeiros, descubriu os repolos nun ramo de flores que lle regalaron á súa irmá, e decidiu destinar parte do seu invernadoiro a cultivar tan orixinal produto. «Tes ocupado o terreo durante tres ou catro meses, porque tarda en saír. E un produto de Nadal e por iso úsanse moito para decorar nesas festas». A vantaxe desta flor de repolo é que ten unha duración maior á doutras flores, pero tamén require coidados: «Hai que cambiarlle a auga todos os días, ou polo menos cada dous, porque é repolo e a auga pode cheirar». Na súa plantación puxo catro tipos diferentes, «de cor verde, violeta, outro que ten un tono más claro e un rizado, que queda moi bonito». A flor sae ao final dun tronco duns cincuenta centímetros e está listo para cortar cando o repolo abre. Chus e Carmen levan 27 anos acudindo os martes, xoves e sábados á praza. Con só mirar os seus cestos sábese cal é o produto de tempada. Precisamente para diversificar a oferta, Chus optou por plantar as flores-repolo. «É que todos temos case as mesmas cousas». De momento, expectación si está a espertar.