Os beneficiarios da nova zona verde de Vista Alegre poden xa pedir os seus cartóns

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

SANDRA ALONSO

A reserva para que estacionen residentes decidiuse pola diminución do aparcadoiro tras a súa reurbanización

10 dic 2018 . Actualizado ás 15:03 h.

Os veciños das rúas do polígono de Vista Alegre na que se abrirán novas áreas de aparcadoiro de residentes (coñecidas como zonas verdes) poderán solicitar desde hoxe o cartón que lles permitirá aparcar nas prazas que se reservarán nas rúas Santa Comba, Bispo Diego Peláez, San Xoán e no lateral do parque de San Xoán. Os cartóns concederanse, sempre que cumpran os requisitos, aos residentes desas rúas e das de Boiro, Noia, Rianxo, Ribeira e da praza Álvaro Cunqueiro. A solicitude deberá presentarse no rexistro xeral do Concello, acreditando que cumpren todos os requirimentos da normativa.

A reserva de espazo de estacionamento para residentes nese polígono hase decidido tras a diminución do aparcadoiro xeral que supuxo a súa reurbanización, dentro das actuacións enmarcadas na mellora da accesibilidade do ámbito tras a súa declaración como área de rehabilitación integral.

Quen dispoñan deses cartóns poderán estacionar as 24 horas do día nas rúas Bispo Diego Peláez e na de San Xoán. Nas de Santa Comba e o lateral do parque de San Xoán, as prazas de reserva para residentes funcionarán só de noite, das 21.00 ás 9.00 horas. Durante o día permitirase o estacionamento libre.

Oito unidades móbiles de Sanidade solicitarán esta semana doazóns de sangue en Santiago e comarcas próximas. Hoxe estará unha en Ordes e outra en Trazo; mañá, na plaza Roxa de Santiago; o mércores, de novo na plaza Roxa e ante a Facultade de Dereito, no Campus Vida; o xoves, en Bertamiráns (Ames) e ante a sede da CRTVG de San Marcos; e o venres de novo en Bertamiráns.

A Confederación Galega de con Persoas Discapacidade (Cogami) facilitará audífonos a persoas do seu colectivo en situación vulnerable. Así o recolle un convenio asinado por Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, con Obdulio Herrera, presidente da Fundación Amplifon, entidade sen ánimo de lucro que se propón mellorar a saúde auditiva con diferentes iniciativas.

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns distribuirá o cedé Viva Galicia! A música non tempo da Casa da Troia en colexios de Santiago, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Dodro, Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, Teo, Val do Dubra, Vedra e outros municipios. Así difunden o repertorio relacionado coa soada novela.