A tramitación de tres novos parques eólicos dispara a alarma na comarca de Ordes

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

SIEMENS GAMESA

A coordinadora contra a instalación de aeroxeradores destaca a súa proximidade aos núcleos rurais

14 novs 2018 . Actualizado ás 10:49 h.

A comarca de Ordes expresou o pasado mes de maio cun acordo dos concellos que a integran o seu rexeitamento a converterse nunha zona de aproveitamento eólico. O seu manifesto xurdiu por mor da tramitación de varios proxectos para instalar aeroxeradores nunha extensión de gran riqueza gandeira e moi próxima a Camiño Inglés.

Tras esta mensaxe de unidade, a coordinadora veciñal contra estes parques denunciou onte que a Xunta ten sobre a mesa novas peticións para instalar 33 aeroxeradores repartidos nos parques Legre, Solpor e Meirama, situados nos municipios de Ordes, Frades e Mesía.

O colectivo sinalou que tivo coñecemento de forma casual das novas tramitacións, polo que decidiu dar a voz de alarma para combater os novos proxectos, que están en fase de tramitación administrativa

Un representante da plataforma veciñal, xunto cos rexedores de Ordes, José Luis García; Frades, Antonio Pereiro; e Mesía, Mariano Iglesias Castro, mantiveron unha reunión na Consellería de Industria para obter información sobre os novos proxectos.

E segundo confirmou o Concello de Ordes, a información que recibiron é que nestes momentos soamente están presentadas as solicitudes, aínda que isto non impide que o goberno ordense manteña o seu veto.

A coordinadora veciñal alerta de que «a proximidade de todos estes parques suxiren no plano a idea dun só mega parque eólico, e que a súa fragmentación é intencionada para eludir mellor os impactos no medio ambiente e na sociedade nunha tramitación separada, o que é completamente ilegal, como declarou o Tribunal Supremo».

O colectivo veciñal lembra á Xunta que recoñeceu á comarca ordense a declaración de área de Interese Agrario e que os tres parques proxectados agora, sendo dous deles unha reorganización de proxectos anteriores, están moi próximos a núcleos rurais, polo que non se cumpre a recomendación de distancia mínima de cinco quilómetros entre as vivendas e os aeroxeradores previstos.