«Para que imos ter máis animais; hai que coidar os que hai»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

O Pino

XOAN A. ADOITAR

Unha campaña municipal permite no Pino implantar 79 microchips e realizar 48 castracións a cans e a gatos

10 may 2021 . Actualizado ás 19:17 h.

Facía xa tempo que a Ángela roldáballe pola cabeza a idea de identificar co microchip e de esterilizar ao can, así como de castrar aos dous gatos que conviven na casa familiar en Gonzar. «Pero saía carísimo», afirma a muller, que tomou finalmente a decisión, motivada pola campaña que lanzou o Concello do Pino para incentivar senllas intervencións e, así, avanzar no cumprimento da lexislación en materia de protección animal.

«Mellor oportunidade, imposible; saíu case gratis», apunta Ángela, que convenceu a súa nai Manuela, de 94 anos, da importancia de inscribirse no programa, xa non soamente pola achega municipal ás intervencións -que foron gratis para as familias de escasos recursos- senón porque tamén, defende, «para que imos ter máis animais; hai que coidar os que hai».

Esa mensaxe é precisamente o que queren facer chegar á cidadanía desde Apaca, a protectora de animais coa que o Concello do Pino desenvolveu unha campaña que deixa mellores números do agardado. Un total de 72 veciños participaron na iniciativa, que permitiu atender a 117 animais, e realizar 150 intervencións. As máis numerosas foron a implantación de microchips a cans -colocáronse 79- e as castracións, que sumaron 48, das que 25 foron a canes, e 23 a gatos. Ademais de por permitir avanzar no control da reprodución das mascotas, e de atallar o abandono animal, para Raquel Fritiría, xerente de Apaca, o importante da campaña é «ver as circunstancias nas que viven os animais», algo que na protectora conseguen coas visitas individualizadas que realizan aos domicilios nos que habitan. A pesar de percibir «unha lixeira melloría e maior sensibilización por parte da cidadanía, segue sen ser puntual ver cans atados e engaiolados; sobre un 50 por cento estano», conta a xerente da protectora, na que tamén aproveitan as visitas domiciliarias para concienciar á xente tanto das prácticas que atentan contra o benestar animal, como as que o preservan. «Hai xente que chamou polo microchip, e logo se animou coa castración, da que intentamos sensibilizar, e, aínda que moitas persoas non reaccionan, cando menos van escoitando e reflexionando sobre unha cuestión da que ninguén lles dixo antes que nin é legal, nin moralmente aceptable», comenta.

Chegar aos donos de mascotas remisos aos coidados e á atención médica que, máis aló das urxencias, require o animal, é para Domingos Freijanes, veterinario da clínica de Arzúa , o interesante de campañas como a do Concello do Pino, na que participou. Comenta, respecto diso, que «estou a doar moito traballo, aínda que non nos causa prexuízo económico, e sempre se coñece a xente, pero non o faría de non ser pola satisfacción persoal que me causa o saber que estou a facer algo bo polos animais».