O Pino estrea parcelaria en Budiño e pide á Xunta que financie as de Arca e Pereira

E.Araújo SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

CEDIDA

Da reorganización do terreo beneficiáronse 470 propietarios

06 abr 2021 . Actualizado ás 23:46 h.

O Concello do Pino dispón do 70 % da súa superficie reordenada mediante procesos de concentración parcelaria. E a parroquia de Budiño é a última incorporación a esta porcentaxe calculada pola Consellería do Medio Rural.

José González, titular deste departamento, visitou o municipio para participar na primeira xornada de entrega de parte dos novos títulos de propiedade dunhas setecentas hectáreas de terreo. Pertencen a 470 persoas, que agora dispoñen de parcelas cunha superficie media de 11.000 metros cadrados.

A Xunta destinou a este proxecto preto de 1,4 millóns de euros. Con el, doce parroquias do Pino xa teñen a superficie de uso agroforestal reagrupada, pero o Concello expuxo á Xunta que tamén o leve a cabo nas parroquias de Arca e Pereira.

O rexedor do Pino, Manuel Taboada, solicitou a José González que inicie «ou antes posible» a concentración de monte en ambas as parroquias. Antonio Regueira, representante da asociación de veciños de Arca, entregou ao conselleiro máis de duascentas firmas de veciños de ambas as parroquias interesadas en que as súas propiedades se beneficien da concentración parcelaria. José González confirmou que analizará as súas solicitudes.