O Pino estuda demandar a Fomento por danos viarios, que reparará con 130.000 euros

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

cedida

O motivo é a deterioración do firme no tramo que serve de saída á A-54 en dirección a Cerceda e Touro

15 dic 2019 . Actualizado ás 12:21 h.

O Concello do Pino está analizando a posibilidade de presentar unha demanda por danos patrimoniais contra o Ministerio de Fomento pola deterioración do firme do tramo que serve de saída á autovía A-54 en dirección a Cerceda e Touro.

O ministerio recibiu en outubro unha solicitude do Pino para que asumise a reparación do firme, desaparecido nalgúns tramos como consecuencia do sucesivo paso de camións con carga pesada que utilizaron para dar servizo ás obras da autovía, xa que neste punto estaba situada a planta de áridos.

O proxecto redactado polo Concello fixaba un custo d 106.000 euros para dotar ao viario dun ancho de 5,5 metros. Ante a resposta negativa de Fomento, o Concello encargou esta semana obras de reparación urxente por un custo estimado de 30.000 euros, procedentes de fondos propios. Para acondicionar este tramo, O Pino incluirá nas obras a financiar este ano con cargo ao POS un proxecto para reforzar o aglomerado neste tramo.

O rexedor do Pino, Manuel Taboada, denuncia que «non é moi normal que o Ministerio faga a autovía e non asuma o custo para acondicionar as pistas de titularidade municipal que comunican a A-54 coa estrada N-547, e que trasladen esta responsabilidade aos concellos. Fomento é quen debe acondicionar e ampliar as vías que permiten os accesos e saídas da autovía».