Morre unha moza de 20 anos nun accidente de madrugada en O Pino

La Voz SANTIAGO

O Pino

Cedida

O condutor do coche deu positivo na proba de alcoholemia tras o sinistro que puxo tráxico final á noite de diversión de tres amigos

11 dic 2019 . Actualizado ás 17:25 h.

A noite de diversión rematou en traxedia para tres amigos, dúas mozas e un mozo, de idades entre 20 e 23 anos, ao saírse da estrada o coche no que viaxaban. O accidente tivo lugar ás 3.30 da madrugada deste domingo no lugar de Angumil, na parroquia de Cebreiro (O Pino), a escasa distancia do límite co municipio de Touro.

A consecuencia do sinistro, morreu no acto Belén Pensado Quintás, de 20 anos, veciña de Turces, en Touro. Outra nova, Cristina C., de 22 anos, sufriu feridas leves por contusións e, tras ser asistida no Hospital Clínico de Santiago, foi dada de alta horas máis tarde. O condutor, Adrián C., de 23 anos, veciño de Loureiros, en Santa Leocadia (Arzúa), que resultou ileso, deu positivo na proba de alcoholemia (0,54) que lle realizou a Garda Civil de Tráfico.  

Os tres amigos viaxaban no Volkswagen Golf de Adrián en dirección a Fonte Díaz (Touro) pola estrada DP-6602. Belén Pensado ía no asento traseiro e Cristina C. no do copiloto. No punto quilométrico 1,5 desa vía, o coche saíuse da calzada pola esquerda nunha curva e, cruzando o carril e a beiravía contrarios, chocou contra o gardarraíl, arrincouno de raíz e o vehículo quedou envorcado xunto a unhas árbores. No momento do accidente chovía e había unha densa néboa na zona. Ese tramo da estrada, descendente e co firme en bo estado, é frecuentemente controlado pola Garda Civil de Tráfico debido ao seu perigo e as altas velocidades ás que se circula.

O lugar do sinistro está a menos dun quilómetro da sala de festas Doa Dana, na entrada de Fonte Díaz. Neste local de lecer, que non abre todas as fins de semana, houbo festa con dúas orquestras esa mesma madrugada, e aínda que veciños da zona aludiron á posibilidade de que os mozos se dirixisen a el, este extremo non foi confirmado. Aínda que a súa familia reside en Oroso, Cristina C. traballa nun bar de Fonte Díaz, onde ten un piso de alugueiro. Os tres amigos adoitaban saír xuntos as fins de semana.

Os servizos de urxencias foron mobilizados polo 112 Galicia, que recibiu a chamada dun particular alertando do accidente e informando de que puideran sacar a unha muller ferida do interior do coche envorcado na cuneta e que había outra moza atrapada e inconsciente. Inmediatamente mobilizáronse as Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron dúas ambulancias, a Garda Civil de Tráfico e efectivos do Parque de Bombeiros de Arzúa, que excarceraron á nova, xa sen vida.