Os veciños de Gonzar, no Pino, teñen un mes de prazo para alegar a rede de camiños da parcelaria

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

CEDIDA

Un centenar de propietarios asisteron á reunión informativa na Casa dá Cultura

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A Consellería do Medio Rural e o Concello do Pino presentaron onte aos veciños da parroquia de Gonzar a rede de camiños da concentración parcelaria, que sumará un total de 32 quilómetros, dos cales nove serán de nova construción. Estas vías terán unha plataforma de catro metros de ancho, ademais de cunetas, polo que será necesario liberar ata dez metros de ancho para o seu trazado.

Ante un centenar de propietarios que asisteron á reunión informativa na Casa dá Cultura do Pino, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, explicou que a consellería terá exposta durante un mes a rede de camiños principais da concentración parcelaria de monte de Gonzar. Os planos estarán expostos no local social de Gonzar e na Casa do Concello, e tamén se poden consultar na web da Consellería de Medio Rural. Pérez Dubois dixo que o departamento autonómico xa investiu uns 250.000 euros na concentración de leiras desta parroquia, ao que haberá que engadir preto de 1,8 millóns para abrir as pistas.

A concentración de monte de Gonzar, que está en fase de bases definitivas, abarca unha superficie de 854 hectáreas, propiedade de 532 veciños. «Agora comeza a exposición pública dos planos e no primeiro trimestre do 2020 as máquinas abrirán as pistas. Dende a Xunta, unha vez aprobada a lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, queremos que as propiedades se usen e sexan rendibles», afirmou o director xeral de Desenvolvemento Rural, quen sinalou que o próximo ano a Xunta investirá vinte millóns de euros en concentracións parcelarias.

Á reunión asistiron o alcalde O Pino, Manuel Taboada; e o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, que pediu desculpas polo atraso do proceso, motivado polos problemas coa declaración de impacto ambiental, «e porque a parcelaria é un proceso moi garantista».

Tras a resolución das alegacións que se poidan presentar, a Xunta elaborará o proxecto definitivo da rede de camiños e convocará aos propietarios a unha nova reunión antes de marcar os puntos polos que se trazarán as pistas de monte. «Antes de poñer as estacas falaremos de novo cos propietarios para que podan saber exactamente por onde irán as vías, que terán unha afectación duns dez metros de ancho, e poidan cortar a madeira», explicou a xefa de servizo da delegación territorial de Medio Rural.