O Concello do Pino adxudica obras de estradas e iluminación pública por 835.000 euros

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

ALVARO BALLESTEROS

As obras executaranse entre xuño e xullo

24 may 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

Entre xuño e xullo serán executadas as obras que acaba de adxudicar o Concello do Pino, cun importe global de 835.500 euros. Unhas actuacións están incluídas no plan provincial de obras, e outras son financiadas pola Xunta e o Concello.

En cinco parroquias do Pino serán renovadas as luminarias, con tecnoloxía led de baixo consumo, por importe conxunto de 178.625 euros. Esta intervención beneficiará aos lugares de Alta Pereira, Alvarín, Alvite, Castro, Cimadevila e Igrexa, na parroquia de Pereira; Bermas, Igrexa, Leborán, Piñeiro e Vento, na do Pino; Burgo, A Rúa e Santa Irene, en Arca; Salceda, Quintas, A Torre, Regas, Xesta, Ponche e Rourís, en San Breixo de Ferreiros; e Santa Irene, Rabiña, Castro, Brea, Nivel e Xen, en San Miguel de Cerceda.

Tamén se mellorará o viario que atravesa a parroquia de Budiño, desde a N-634 ata o límite con Oroso. O Concello ampliará en metro e medio o ancho da capa de rodaxe, cun investimento de 197.857 euros.

A intervención na estrada local do Marquiño ata o límite do municipio de Arzúa por Medín suporá un investimento de 49.045 euros, e as obras de pavimentación de viarias en Pumar (Gonzar) e na estrada que vai de Pumar á N-634 e de Cabanelas á N-634 requiren 68.090 euros máis. Outros 60.774 euros son para obras no viario que une Rabal de Arriba e de Abaixo, a pavimentación de vías en Barcia (Pastor) e na estrada de Barcia á N-634. Tamén se inclúen melloras na estrada local de Xesta a Frechazo Último (San Mamede) e de Suso ao lugar de Igrexa (San Breixo), por 58.053 euros.

Tamén se executará a senda peonil da igrexa ata o cemiterio de Arca, con 68.079 euros de investimento. O Concello financiará a senda desde a igrexa de Castrofeito ata Santiso (119.822 euros); e a Xunta, a reparación da cuberta e pista do polideportivo de Lameiro (35.189 euros).