«Santiago necesita zonas para correr e reservar a Alameda para o paseo»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

O Pino

SANDRA ALONSO

Demanda un espazo para os afeccionados ao atletismo no estadio de San Lázaro

30 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando era neno a moda era darlle patadas a un balón ou fajarse nas canchas de baloncesto, pero Iván Sanmartín acabou pondo os seus ollos nas liñas que marcan o perímetro do patio de La Salle e que aínda perviven. Unhas rúas sen medidas regulamentarias que lle serviron para empezar a correr e non parar ata hoxe. Alí picábase ás carreiras co seu amigo Alfonso Zarauza, hoxe director de cine.

Boa parte dos que foron adolescentes nos 80 colgaron os hábitos deportivos ao chegar á universidade, e moitos retomaron a actividade física pasados os 40, xa con familia. Sanmartín, a diferenza da gran maioría, fixo deporte sempre. Tras darse conta de que Empresariais non era o seu -cursou un ano- envorcouse na súa carreira de INEF, na Coruña. Alí atopou a súa vocación e coñeceu a Isidoro Hornillos, que exerceu de docente e mentor. Anos despois de acabar a carreira académica recibiu unha chamada do actual presidente da Federación Galega de Atletismo para proporlle ser delegado do organismo en Santiago. Este traballo é altruísta e desempéñao cando pode «e sempre empregando máis tempo do que debo». Mantén á súa cuadrilla do colexio, pero tamén fixo grandes amigos no mundo do deporte cos que tamén toma unha cana, aínda que o seu verdadeira desconexión lle chega por decreto cos seus dous fillos, de 9 e 12 anos.

Sanmartín empezou «de cero» a traballar hai 17 anos como técnico deportivo no Pino, un concello que se envorcou co deporte. O seu colega Lolo Penas foi o que lle meteu a espiral de organizar carreiras, e é un dos grandes cos que ten relación. «Antes o atletismo estaba enfocado ao rendemento, e por iso tivemos atletas de alto nivel, como Esther Pedrosa ou José Luis Otero Cepeda, que ten 62 anos e segue dando guerra. O Carlos Silva, Manuel García Gendra, Carlos Turnes e toda unha xeración que foron verdadeiras institucións».

O delegado federativo cre que no presente século houbo un cambio na forma de xestionar os clubs de atletismo, que se envorcaron máis coa base. «Cando antes contabamos atletas por decenas, agora facémolo por centos», reflexiona. E a nivel popular «estamos desbordados co running», un termo que calou e que non lle molesta mentres se entenda que se trata dunha actividade «saudable, barata e de doado acceso».

O Restollal é o seu recuncho. No actual parque practica deporte, pero cando era pequeno xogaba polos seus «leiras», porque os seus pais vivían moi preto, en fronte á gasolineira Galuresa. Mesmo lembra pasar tardes nos soares aínda sen construír de Fernando III O Santo, «onde cheguei a facer unha cabana».

Ademais de organizar carreiras, Sanmartín segue vestíndose de curto, e non lle importa desvelar unha das súas rutas favoritas: «Gústame aparcar no Multiusos, tomar a nova senda a beiras do Sar e chegar ata o parque. Son cinco ou seis quilómetros espectaculares para trotar que, por certo, deberían iluminar para que se poida utilizar tamén no inverno», reivindica. E faino porque cre que é unha fantástica zona para o deporte, o que permitiría aliviar a Alameda, que é moi céntrica e cómoda polos seus circuítos, «pero creo que deberían existir outras zonas e deixala para o paseo».

Do que está convencido é de que San Lázaro ten que ser nun futuro próximo o gran centro do atletismo local. «E non só polas pistas do estadio, que se poden homologar. Eu creo que todo a contorna se podería converter nunha gran zona deportiva. De feito, Santiago é a única cidade galega que non ten unhas pistas municipais para correr», denuncia.

«A xente compra material carísimo pero cústalle pagar a un asesor profesional»

 

 

Sanmartín admite que o mundo do atletismo e as carreiras populares xeraron un bo negocio, pero circunscribe os beneficios económicos ás grandes marcas, que «viron un filón». Tanto, que algúns pobos que organizan probas teñen ese día nas súas rúas «máis corredores que veciños». Os grandes eventos tamén poden chegar a ser rendibles, pero lembra que en Galicia son poucos os que de verdade moven diñeiro. «A xente vive moi enganada neste sentido e crese que pagando unha inscrición xa se cobren os gastos dunha carreira homologada, e estamos moi lonxe de que iso ocorra. Seguimos vivindo tempos difíciles, sobre todo para conseguir patrocinios», advirte.

Á marxe das cuestións pecuniarias, o delegado federativo aprecia que a xente se vexa arroupada ao redor dunha afección e a retos de superación continuos, pero aí tamén fai un alto para reflexionar sobre algúns aspectos. «É bo estar enganchado a unha actividade saudable, pero non obsesionado». E en todo caso, cre que hai que canalizar ben os obxectivos e empregar mellor os recursos que teña cada un. «Vexo a xente que se compra material carísimo, como GPS de 300 euros, pero despois cústalles pagar a un asesor que vele pola súa saúde». E comprar unha revista ou ler un par de artigos en Internet «non chega», sinala pondo en valor aos profesionais, que poden axudar a ter unha nutrición adecuada e uns adestramentos acordes á condición física actual e á actividade ao longo da súa vida, primando a saúde sobre o rendemento. E tamén alerta dos retos das grandes distancias. «Vexo chegar a xente á meta e pregúntome se de verdade é bo tanto sufrimento».