A fisura no arco da Ponte Maceira agrándase sen que Patrimonio actúe

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

PACO RODRÍGUEZ

Os danos xa foron notificados no ano 2018 sen que se tomase ningunha medida

28 abr 2021 . Actualizado ás 22:13 h.

O arrastre de pedra que impactou de cheo contra o tajamar do arco central do viaduto da Ponte Maceira aumentou o tamaño dunha fisura sobre cuxa existencia xa foi alertada a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no 2018 e no 2020, sen que ata agora se adoptasen medidas reparadoras.

O vello viaduto, un dos elementos históricos e arquitectónicos máis representativos do Camiño de Santiago a Fisterra, é paso permanente de peregrinos, turistas e visitantes, e constitúe un lugar de referencia do patrimonio cultural galego. Levantado na época medieval, xogou un papel destacado en dous conflitos nos que tomaron parte senllos arcebispos composteláns.

A comezos do 2020, os técnicos do Concello de Negreira elaboraron un novo informe remitido tanto a Augas de Galicia como á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que está tramitando a declaración dun dos monumentos máis visitados da área de Santiago como Ben de Interese Cultural (BIC). Aínda que asumen a «gravidade» dos danos que sofre esa estrutura -agora mesmo hai pedras desprendidas- e constatan a necesidade urxente dunha reparación, un ano despois daquel aviso segue sen haber resposta da Xunta. Segundo o exposto polos técnicos de Ames e Negreira, unha das fisuras está consolidada e a outra despraza as pedras polo crecemento das raíces dun saeiro.

Deterioración en muíños

Outro dos elementos danados na Ponte Maceira é o muíño máis próximo ao río. Nas xuntas dos sillares e pedras van aparecendo «gretas importantes en varias das súas fachadas», provocando a deterioración das paredes. O tellado tamén está danado e a porta desapareceu.

A Oficina Técnica do Concello de Negreira informou á súa vez dos danos na presa, en cuxa parte central se dá un desprazamento das pedras pola forza da auga, o que, ao seu xuízo, «pode minar este punto deteriorado da presa e provocar a súa rotura», porque a forza da auga se concentra nese lugar.