Os ataques de xabarís van a máis nas leiras de Negreira

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

FORXÁN

Os veciños reclaman a Medio Ambiente que tome medidas

15 feb 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

«Que traian para aquí aos tiradores de tiro con arco de Lugo». Dio un aldeán de Negreira, un de tantos que din estar «fartos» da praga de xabarís que arrasa Galicia. Os animais entran cada noite nas súas leiras para levantalas en busca de alimento. Na aldea de Outeiros, na parroquia negreiresa de Xallas, levan anos combaténdoos: «Eu cheguei a pasar 62 noites seguidas facendo garda nas leiras de millo, e non hai dereito a que Medio Ambiente non faga nada, estamos indefensos, porque isto é unha pandemia», asegura Benigno García, quen hai anos electrificou un terreo próximo á súa casa para salvagardar a súa plantación de millo. Agora «xa a xente non quere sementar millo, porque pásase moito traballo para que veñan os porcos e esnaquicen todo».

En Xallas, practicamente no límite con Serra de Outes, o acoso das mandas de xabarís é diario. «Saes a dar unha volta e velos en grupos de dez ou máis, porque nunca houbo tantos como este ano». Hai mesmo quen os viu cruzar en mandas por amais da presa Barrié da Maza, atravesando por alí o río Tambre, entre Brión e Negreira.

Benigno mostra unha leira cun muro de pedra de máis dun metro de altura polo que di viu saltar a xabarís «enormes» que, describe, «meten medo do grandes que son, pois chegan a saltar ata un metro e corenta centímetros, e no outro extremo, pese a ter un peche con postes e malla, levantárono por abaixo para entrar». García insiste en profundar nas súas aseveracións de desesperación ante o acoso dos porcos salvaxes: «Vannos botar da aldea, pero os porcos irán para outros lugares e farán o mesmo». Xa notificou os danos a Medio Ambiente, porque á parte de levantar praderías de herba escavando grandes buracos «tamén removeron a terra onde están as coles», sinala.

Esta semana reuniuse en Madrid a Mesa Nacional da Caza, órgano no que se expuxo que os propios agricultores ou gandeiros poidan dar caza aos xabarís dentro das súas propiedades, a partir dun simple aviso previo ao Seprona. Esta proposta foi recibida polos asistentes á reunión ante a superpoblación de xabarís en Galicia.