O museo comarcal chama a atención sobre a necesidade de retiralo do lugar antes das choivas outonais para tamén evitar danos a maiores
19 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O tempo pasa con máis pena que gloria no recóndito enclave no que se atopa a coñecida como A Fonte Santa, nos Ánxeles, a parroquia contigua ao centro urbano de Melide na que lvos veciños engaden ao desgusto que lles provocou a caída e consecuente ruptura do cruceiro do lugar, o derivado do abandono no que está sumida a estrutura. Cinco meses despois de que os aldeáns localizasen a peza feita cachizas —con fracturas en varal e cruz— no chan, aí segue, atravesando un camiño de terra, sen que ninguén bote man dela. Valos de obra e cinta de balizar da Policía Local seguen sendo a súa única protección.
«Estamos no tempo do outono, onde previsiblemente as condicións meteorolóxicas vaian empeorando, dándose por suposto o comezo acostumado de incremento da pluviosidade. Pluviosidade que, como todos os anos, acabaría enlamando os camiños de acceso ó cruceiro abatido, imposibilitando a súa retirada», pon sobre aviso desde o museo etnográfico da comarca en senllas comunicacións que se trasladaron ao Concello melidaos, e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. Entenden na galería que desde a caída do cruceiro en maio ata hoxe transcorreu «tempo abondo» para actuar, polo que instan á «inmediata retirada e a conseguinte custodia e almacenaxe nun lugar de titularidade pública», para, ademais, «evitar calquera outro dano que potencialmente poida producirse». Das comunicacións do museo ás autoridades son coñecedores os veciños dos Ánxeles, que piden que o cruceiro, un elemento do século XIX que conserva o fuste e o pedestal orixinais, non caia no esquecemento, coa confianza de que o Concello de Melide asuma a súa rehabilitación.
Esa é a intención, manifesta no seu día aos veciños, da edila de Cultura, Ana Mosteiro (BNG), aínda que, puntualiza, «primeiro miraremos se legalmente nos corresponde a nós a restauración». Segundo indica, hai tres presupostos sobre o custo dos traballos de restauración, para os que, de finalmente asumila o Concello, solicitarase subvención. Respecto á retirada do cruceiro, a edila admite que é un traballo que lle corresponde á administración local, tal e como coincidiron en indicarlle desde Patrimonio e desde a Diocese de Lugo, pero está á espera do informe xurídico pertinente para proceder con toda garantía.