Bruno Martínez e Luigi necesitan dúas fichaxes máis para pechar o persoal do Cire Melide

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

MELIDE

CM

O club confirmou a renovación do pichichi David Pereiro, que marcou 40 goles no curso pasado

18 jul 2025 . Actualizado á 17:49 h.

Ao día seguinte do histórico ascenso, o director deportivo do Cire Melide, Bruno Martínez, púxose ao choio para empezar a planificar o novo proxecto na Primeira Galicia. A primeira peza do Cire 2025-2026 foi a continuidade do corpo técnico que lidera Luigi Martínez, que estará acompañado por Iván Seoane, Cachi, segundo adestrador e técnico de porteiros, e por Francisco Monterroso, Cysko, preparador físico.

O seguinte paso foi a renovación do pichichi David Pereiro (Melide, 1998), peza fundamental no equipo que logrou o ascenso ao materializar 40 goles en 34 partidos, cinco deles no play off.

O club melidaos xa confirmou a continuidade de quince dos futbolistas que acadaron o éxito no curso recentemente finalizado. Trátase dos porteiros Adrián Nogueira (Cherokee) e Miguel Pampín (Miki); os defensas Asier Polo, Suso Pampín, Martín Mellid, Marcos Rivadulla e Miguel Castrelo (Penka); os centrocampistas Sergio Mosteiro (Sergiño), Manuel Novás, Sergio Monterroso, Jacobo Rodríguez e Omar Vázquez; e os dianteiros Carlos Parrado, autor de 14 tantos a pasada campaña, Óscar Vizcaíno, Daniel Pampín, 11 goles no campionato anterior, e o mencionado David Pereiro.

Novidades

Pendentes de pechar dúas fichaxes máis para completar o cadro de persoal, o Cire conta con catro reforzos, os defensas Jorge Cantillo, procedente do Monterroso, e Samuel Ferreiro, que chega do Outeiro de Rei; o centrocampista Jorge Medina, do Silleda; e o atacante Óscar Carro, Figurín, de 37 anos de idade, que xogou durante máis dunha década no Boimorto, equipo co que no campionato anterior asinou nove goles. Ademais, Luigi Martínez contará cos xuvenís David Valcárcel, Adrián López e Xián Prado.