«Ao ser o modelo dos exames máis doado, tranquiliza un pouco»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

MELIDE

Máis de 2.800 estudantes iniciaron a ABAU marcada pola distancia nas aulas e as máscaras

08 jul 2020 . Actualizado ás 14:46 h.

O nerviosismo, unha noite de insomnio, difícil almorzar... Do pouco que non cambiou para os máis de 2.800 estudantes que este ano afrontaron as probas da ABAU en Santiago respecto dos cursos anteriores. O resto de circunstancias pouco tiveron que ver: data distinta, máscara, unha maior distancia nas aulas que obrigou a habilitar máis espazos -foron once en Económicas onde se marcaron dúas entradas diferentes-, cintas e sinais indicando itinerarios, xeles, medidas extraordinarias de limpeza, ademais duns exames que daban máis opcións para elixir, que era o único que contribuía un pouco a rebaixar a tensión. «Ao ser o modelo de exame máis doado, pois tranquiliza un pouco», comentaban Alejandro Pombo e Daniel Varela, do IES Xelmírez II, mentres agardaban o chamamento pasadas as nove e cuarto.

Os nervios inevitables -«xóganse moito», lembraba un profesor do IES de Ordes-, convivían coas ansias de rematar canto antes: «O xoves ao mediodía xa somos libres», vociferaba un dos estudantes. «Foi un curso duro de por si e o que temos é ganas de que acabe», explicaba Lucía Iglesias, do IES de Melide, indicando que «os últimos días foron os peores», cuestión que corroboraba a súa compañeira Lara Costa. «Foi complicado porque tardamos moito en saber como ía ser a selectividade», engadían Xanaia, Sofía, Uxía, Dolores e Carla, tamén do centro melidense, nun dos círculos que se formaban ás portas de Económicas. Se nas aulas había distancia para poder sacarse a máscara, no exterior e a zona de chamamento a proximidade era maioritaria.

O confinamento polo covid-19 trastornou máis dun plan. Así lle sucedeu a Iván Fernández, do IES Cacheiras, que non puido lograr a nota que agardaba, aínda que recoñece que a situación «me axudou coas materias que non se me dan moi ben». Pola súa banda, as alumnas do Xelmírez II Sara Bermúdez e Zuriñe Leite incidían en que «foi raro estudar de xeito individual», apuntando, iso si, que a maior flexibilidade nas probas axudou na preparación. «Era imprescindible esa flexibilidade para non prexudicar a ninguén porque o mestre decide a orde das clases. Esperemos que sexa a suficiente para que compense o problema que tiveron», asegurou un dos profesores que acompañou aos estudantes de Ordes. Lembrou, ademais, que «os meses de encerro teñen que pesar moito». Un feito que destacaron algunhas nais. «Estaban esgotados», explicaron Silvia e Mari Carmen, que trasladaron aos seus fillos. Engadiron que unha das cuestións está en se obteñen a nota necesaria, posto que prevén que se eleven.

Outra das situacións análogas con outros cursos foi que coa primeira proba, Historia de España, disipáronse boa parte dos nervios que acumulaban os estudantes. «Estaba supernervioso pero, ao ver o exame, dixen: ‘Non é para tanto'», afirmou Gabriel Lago, do IES Campo de San Alberto (Noia), que xunto a dúas compañeiras, as irmás Nuria e Alexia Alcalde, comentaban que a proba fora doado: «Puderon poñelo moito máis difícil». Unha impresión que corrobora Ander Varela, do IES de Melide. «Foi máis doado do que pensabamos porque, ao ter máis opcións, hai máis probabilidades de que entre o que sabes. Era o exame ao que máis medo lle tiña e oxalá saia así todo», afirmaba. Tamén con boa sensacións saíu María Molinos , de Noia, «foi mellor do que pensaba. Tiñamos moito onde escoller». Os novos protocolos non causaron especial problema aos estudantes ao poder retirar a máscara. «Non sabemos como sería en circunstancias normais e intentámolo levar o mellor posible», dicían alumnas melidenses. En Santiago, as probas distribuíronse en oito centros, onde estaban citados máis de sesenta centros educativos.