Prohiben pescar en 8 quilómetros do río Furelos polas verteduras

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

É o tramo danado por augas residuais do polígono de Melide

11 feb 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

Acordouno a Consellería de Medio Ambiente cando, a mediados do pasado mes de xullo, unha vertedura procedente do polígono industrial da Madanela, en Melide, matou a fauna ictícola do último tramo do río Furelos, e desde onte é de oficial aplicación para a tempada de pesca arrincará o próximo 15 de marzo. Os oito quilómetros da canle fluvial que discorren desde o regacho de Reboredo, ao que desaguan as residuais do parque empresarial, ata a desembocadura no Ulla quedaron vedados para a práctica do deporte.

Así o recolle a orde que regula a normas de pesca para a presente tempada, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOGA). A medida non colleu de sorpresa aos pescadores da zona, tendo en conta que desde o departamento autonómico que dirixe Ánxeles Vázquez xa se resolveu no seu día a prohibición de pescar no tramo afectado pola vertedura letal, que causou a mortaldade a máis de 10.000 troitas. Foron, ademais e unhas 2.000 bogas, as que se retiraron da canle fluvial, no que «quedaron moitos máis exemplares mortos», lembra o presidente de la Asociación de Troiteiros Río Furelos, Xabier Pazo, quen apunta que o tramo vedado, que discorre polo municipio de Santiso, «era un dos mellores tramos de pesca libre de Galicia. Tiña moita troita, pero quedo morto». Pazo calcula que «tardará de 8 a 10 anos en abrir. Hai que ir vendo como vai evolucionando e o que conclúan -avanza- os estudos que farán as universidades».