Melide urxe melloras no firme do tramo urbano da AC-840

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

CEDIDA

O Concello reitera ante a Xunta a deterioración da travesía

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O firme da estrada autonómica AC-840 ao seu paso polo centro urbano de Melide reséntese da circulación diaria de máis de 3.500 vehículos, moitos deles camións de gran tonelaxe. Das consecuencias dese elevado volume de tráfico rodado faise eco o goberno municipal, que, esta semana, insistiu formalmente ante a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da necesidade de acometer unha mellora no firme da estrada, tendo en conta que «en moitas zonas estea totalmente afundido poñendo en perigo a seguridade de condutores e viandantes».

O bipartito melidense (Adiante Melide-PSdeG) reiterou, así, ante ese departamento adscrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade un escrito que lle trasladou, por primeira vez, o pasado 7 de novembro, instando a revisar o firme da travesía que define a estrada autonómica ao seu paso pola localidade, e a actuar en consecuencia. A solicitude acompañouse dun «completo» dossier fotográfico que pon de evidencia «a mala conservación desta estrada», que deriva, a xuízo do goberno municipal, «nunha situación moi grave que supón un perigo para veciños e visitantes».

Tres actuacións

Nos último dous anos, investiuna 359.000 euros en tres actuacións no tramo urbano por Melide da AC-840. A primeira e a de maior investimento, de 251.000 euros, acometeuse na rolda de San Pablo, onde se actuou nas redes de pluviais e de saneamento, ademais de en o firme. As restantes intervencións planificáronse co obxectivo de mellorar a accesibilidade e seguridade dos viandantes. En dúas fases, actuouse sobre as beirarrúas da travesía urbana, con senllos investimentos de 60.000 e 48.000 euros, respectivamente.

Infraestruturas investiu 359.000 euros no viario autonómico nos dous últimos anos