Melide esixe medidas á empresa das últimas verteduras

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

cedida

Medio Ambiente asegura que axentes do departamento realizan inspeccións periódicas no polígono da Madanela e no río Furelos

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O Concello de Melide ordenou á empresa identificada como a causante dos últimos vertidos que desde o polígono industrial da Madanela afectaron o río Furelos adoptar «medidas urxentes» para o «cesamento inmediato» das augas contaminantes. Nunha orde asinada o pasado martes, a administración municipal concede á firma Transportes Zas un prazo de dez días para presentar as alegacións que estime oportunas, segundo informaron desde a Consellería de Medio Ambiente, logo de ter tido acceso á primeira hora da mañá de onte ao documento municipal. Desde o departamento autonómico confirman así que o bipartito local, integrado polo grupo independente Adiante Melide e polo PSdeG, deu resposta, en tempo e forma, ao requirimento de Medio Ambiente de adoptar medidas cautelares, encamiñadas ao cesamento das verteduras.

Doutra banda, desde a consellería indican que axentes ambientais realizan inspeccións periódicas tanto ao polígono da Madanela como ao río Furelos para comprobar in situ a situación. As visitas realízanse a diario e en diferentes horas, desde que o pasado 31 de decembro, cando unha nova vertedura ao regacho de Reboredo, no que desagua a rede de saneamento do parque empresarial, puxo de novo de manifesto a problemática, que, á vista está, non quedou resolta cando o pasado verán se selaron as saídas á rede de saneamento da industria láctea e do matadoiro de pitos, identificadas como as responsables das verteduras entón rexistradas.

Auditoría

E desde o Partido Popular reivindicaron onte a súa actuación fronte ás verteduras industriais durante o pasado mandato. A entón alcaldesa e agora líder da oposición municipal, Dalia García, fixo valer a auditoría que ordenou contratar para radiografiar a situación de cada unha das empresas do polígono da Madanela respectos ao saneamento do seu residuos, tendo en conta que o parque empresarial carece de estación depuradora. García insta ao novo goberno local a executar as medidas que recolle esa auditoría, que, explica, «esixe que o goberno poña en marcha medidas de regularización, sanción ou o que proceda, vistos os sistemas de depuración en posesión das empresas do polígono». García reprocha ao bipartito local falta de información sobre as medidas para frear as verteduras, polo que «permitídenos dubidar que se fixera algo máis que culpar ao PP».