O pequeno comercio de Arzúa e de Melide salva a campaña do Nadal de vendas

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

cuncha viqueira

Asociacións locais do sector fan un balance positivo

10 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

A pesar de que non corren bos tempos para o comercio de proximidade, quen o manteñen á boia lograron na última campaña, a de Nadal, capear o temporal que representa para o sector a competencia que exercen as grandes superficies e, cada vez máis, a venda a través de Internet. Con esforzo, horas de dedicación, confianza e trato personalizado ao cliente reman para chegar a porto os pequenos comerciantes, aos que, un ano máis, serviron como reclamo para lograr vendas as campañas que lanzan para fidelizar e gratificar ao cliente con importantes premios.

En base a elas, fan balance do que deron de si as semanas de maior consumo do ano nos Centros Comerciais Abertos de Arzúa e de Melide. «Houbo moitísimo movemento», afirma Cristina Carril, xerente da asociación de empresarios da comarca arzuá (Aeca). Matiza que «sempre hai quen se queixa», pero que, en xeral, a campaña «foi satisfactoria» e houbo «moitas vendas», especialmente nas xornadas previas ao día de Reis. Carril aclara que a valoración a realiza en función do número de papeletas que os asociados entregaron aos seus clientes para o sorteo dos premios. Onte mesmo sorteáronse na radio municipal vales de compra por un valor total de 4.850 euros para trocar no comercio local, ademais dunha ducia de agasallos valorados en máis de 4.000 euros.

Tamén «relativo» é o balance que realiza da campaña do Nadal do comercio de Melide a xerente do Centro Comercial Aberto Asetem, Pilar López, xa que, como ela mesma afirma, «faise en función das rifas». E desde ese punto de vista, «non vexo moita diferenza respecto do ano anterior», xa que, segundo apunta, na presente campaña repartíronse 66.700 boletos para o sorteo dos premios, trescentos menos que na pasada. «É unha diferenza que non di nada, tendo en conta, ademais, que esta vez houbo un comercio participante menos», explica Pilar López, para comentar que os comerciantes melidenses «foron cumprindo expectativas, sobre todo os últimos días, pero sen a alegría de outrora». A xerente de Asetem pon o acento na ameaza que representa para o comercio tradicional a venda por Internet, aínda que «non é un problema de agora; é algo que se ven notando nos últimos anos, non neste máis que no anterior», apunta.

Sorteo de premios

Se en Arzúa foi onte, en Melide será esta tarde, a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura, o sorteo dos premios da campaña do Nadal de Asetem. Repartiranse, en diferentes contías, 6.000 euros que os afortunados poderán trocar en compras no comercio local. A televisiva Eva Iglesias conducirá a gala, na que tamén se sorteará un vale de 200 euros entre o público asistente, para o que ofrecerán un recital as poetisas María Luisa Pereiro e Ana Vila.