Melide crea un rexistro de casas en ruínas para impulsar a rehabilitación

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O Concello ten abertos actualmente once expedientes por vivendas abandonadas

20 ene 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

Persoal do Concello de Melide púxose ao choio na elaboración dun inventario de vivendas abandonadas no centro urbano que non só será de utilidade para ter baixo control eses inmobles que necesariamente hai que rexistrar polo perigo que o seu estado representa para a vía pública. Para mostra, os 11 expedientes que, nestes momentos, mantén abertos a administración municipal por construcións nesa situación. En calquera caso, o inventario en curso será a primeira ferramenta para lanzar un plan municipal co que se perseguirá fomentar a rehabilitación.

Nos próximos meses presentaranse os detalles e pormenores dese programa, do que, de momento, unicamente transcendeu que con el se tratará de achegar ao cidadán as axudas autonómicas para a recuperación de vivendas tradicionais e, en particular, as emprazadas no Camiño de Santiago. «Será unha ferramenta de traballo fundamental, o primeiro banzo para engancharse ás axudas», di a alcaldesa melidense, Dalia García Couso (PP), sobre ese inventario en proceso de elaboración que, ademais de contemplar as vivendas en estado ruinoso, incluirá os inmobles susceptibles de melloras e, xa que logo, de recibir apoio económico público.

E como se facilitará aos veciños o acceso ás axudas autonómicas á rehabilitación?. Afirma a rexedora que ofrecendo información directa e de xeito particular aos propietarios. Dalia García conta, respecto diso, que a experiencia coas subvencións da Xunta para rehabilitar construcións tradicionais en espazos protexidos como a Serra do Careón, con afección en varias parroquias melidenses, dille que esa é a fórmula. «Fixemos reunións veciñais e hoxe somos o municipio que máis axudas desas recibiu», comenta a alcaldesa de Melide, que está así convencida de que «as administracións temos que asumir ese esforzo porque doutro xeito vai ser difícil concluír casos de éxito». Tamén confía no efecto chamada: «no momento en que a xente empece a ver resultados, vai detrás», engade.

Dalia García admite que a tramitación das axudas autonómicas para a rehabilitación de inmobles na ruta xacobea «non é sinxela», pero entende que esa complexidade burocrática se ve compensada por contías económicas «suculentas». Ademais, segundo indica, Patrimonio concede prioridade aos proxectos vinculados a esa liña de subvencións ao traballar en «coordinación» coa Consellería de Vivenda, que é o departamento autonómico que as convoca. A rexedora melidense tamén cre que a Lei de Rehabilitación na que traballa o goberno galego simplificará os trámites.

Catro dos inmobles en avanzado estado de deterioración están no Camiño Francés

Dos once expedientes que, nestes momentos, mantén abertos o Concello de Melide por vivendas en estado ruinoso, catro correspóndense con inmobles situados en pleno Camiño Francés. Concretamente nas rúas San Pedro e Principal, dúas rúas contiguas que configuran a ruta francesa ao seu paso pola zona vella da localidade melidense. Unha desas vivendas «é das que máis nos preocupan», afirma a alcaldesa melidense, Dalia García Couso (PP), quen explica, respecto diso, que tras «unha labor grande de investigación, descoñecemos de quen é a propiedade polo que sen resolución xudicial non podemos entrar a apuntalar». Outra das vivendas con expediente municipal atópase no Camiño Primitivo, que é a variante xacobea que no centro urbano de Melide conflúe co Camiño Francés.

A apertura de expedientes por inmobles abandonados -todos eles emprazados na capital municipal- motivárona desde, nuns casos, denuncias veciñais a, noutros, o interese dos propietarios por intervir, a iniciativa propia, nos inmobles. Así, hainos que están pendentes de recibir a declaración de ruína por parte de Patrimonio para poder intervir. E entre os titulares de vivendas aos que desde o Concello melidense requiríuselles acometer medidas ao supor o seu estado un perigo para os viandantes, e tamén para os inmobles veciños, «hainos que se apresuran a tomalas» e, noutros casos, procede a Policía Local cun valado de seguridade.

Entre o conxunto de expedientes tamén figuran casos nos que o requirimento da administración municipal cinguiuse a solicitar aos propietarios acometer labores de ornato e hixiene.