A nova ponte entre Arzúa e Melide soportará o paso de maquinaria e vehículos pesados

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

CEDIDA

Medio Rural iniciou a reconstrución do paso que une sobre o río Iso as parroquias da Mella e Baltar

12 oct 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

A ponte sobre o río Iso que serve de conexión entre Arzúa e Melide transformarase nos próximos meses nunha estrutura coa consistencia suficiente para «soportar de xeito seguro e firme as grandes tonelaxes de vehículos agrogandeiros e lácteos que por ela circulan no seu día a día», explicou onte a alcaldesa melidense, Dalia García Couso (PP), a fío de anunciar o inicio das obras de reconstrución da paso. Ao feito de que a actual estrutura non garanta esa funcionalidade aludiu o rexedor arzuán, o independente José Luis García López, ao valorar que «trátase dunha obra moi necesaria polo estado no que se atopa a vella ponte, que non estaba nas mellores condicións para que a atravesaran camións cargados con madeira e maquinaria agrícola moderna».

Medio Rural financia con preto de 150.000 euros a actuación, consistente na demolición da ponte actual para posteriormente executar unha nova cimentación e o pórtico. A intervención repercutirá nunha mellora da seguridade viaria para principalmente os veciños das parroquias da Mella, en Arzúa, e Baltar, Melide, ao ser os que usan a diario a ponte para o rutineiro desenvolvemento da súa actividade no campo. A reconstrución da ponte sobre o Iso estableceuse o ano pasado nun convenio con Medio Rural, que, durante este tempo, solicitou os permisos para executar a obra, como o preceptivo de Augas de Galicia ao ir a actuación sobre o leito dunha canle fluvial. A rexedora melidense e o seu homólogo de Arzúa destacaron o compromiso e sensibilidade mostrados desde Medio Rural cando Ánxeles Vázquez era titular con esa obra, demandada prol os veciños.

As obras en Ponche Mazaira avanzan a bo ritmo

A actuación na ponte sobre o río Iso entre Arzúa e Melide non é a única desas características que realiza na zona a Consellería de Medio Rural. O departamento autonómico iniciou meses atrás a reconstrución da coñecida como Ponche Mazaira, un paso sobre o río Furelos que comunica o municipio melidense co de Toques e que tamén se dotará dunha nova estrutura. A actuación -que, do mesmo xeito que a ponte sobre o río Iso, tamén orzou Medio Rural cando a actual conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, estaba á fronte do departamento autonómico- avanza a bo ritmo, segundo o balance do goberno de Melide. Desde Asociación de Troiteiros Río Furelosa , que reivindicou activamente a obra, confirman ese extremo.