Vivendas históricas de Melide camiñan cara á ruína

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

<span lang= es-es >Propiedade pública</span>. Situadas na medieval praza das Coles, as dúas vivendas adquiriunas hai anos a Xunta para a súa rehabilitación.
Propiedade pública. Situadas na medieval praza das Coles, as dúas vivendas adquiriunas hai anos a Xunta para a súa rehabilitación.

Soberbios inmobles de principios do século pasado están agora deshabitados, sen que ninguén velle pola súa correcta conservación

12 ene 2016 . Actualizado ás 00:07 h.

Un paseo rápido, pero á vez esperto, chega para descubrir en Melide un patrimonio civil con históricos inmobles que sofren os inevitables efectos que ten o paso do tempo cando non se fai nada por remedialos. Son magníficas construcións -foron das mellores na súa época- que co paso dos anos quedaron deshabitadas para emprender o camiño cara á ruína. A traxectoria polas esquecidas casas do pasado melidense invítase a facer da man do director do museo etnográfico da comarca, Xosé Manuel Broz. Inmerso como está na preparación do seu quinto libro, un traballo enciclopédico sobre Melide, sitúa cada vivenda no tempo.

Broz localiza as máis antigas nas Coles, e non só pola orixe medieval desta praza da zona vella melidense. «Cando se derruíu o interior, viuse como as táboas estaban ensambladas con tarugos de madeira», comenta en alusión ás dúas vivendas que, hai anos, adquiriu a Xunta para usos públicos que aínda están sen definir. A xuízo deste historiador local, a actuación de rehabilitación parcial que a Administración autonómica acometeu nos inmobles para evitar o seu derrumbe «é un exemplo de recuperación, a pesar de que se perdeu o seu interior».

Avanzando sen freo cara ao derrubamento atópase a coñecida como casa de Sierra , no tramo do Camiño de Santiago que discorre pola rúa Principal ou Maior, unha rúa que Xosé Manuel Broz documenta a principios do século XII. As grandes casas -que, como agora, non deixaban de ser reflexo do nivel económico dos seus propietarios- son máis tardías. O director do museo melidense sitúa a maioría cara a finais do XIX. Na rúa Progreso, vertebrada pola estrada nacional que conduce a Santiago, hai unhas cantas en estado de abandono, máis ou menos avanzado. Unha delas é a chamada casa de Fraga, unha construción «moi interesante» por ser, entre outras razóns históricas, do lineal urbanístico edificado no antigo nabal de Pedrosa, con extensión ata o aínda hoxe coñecido como O Campo Grandes.

E na mesma travesía atópanse as casas da Moa, unha rúa de acceso á zona antiga de Melide así chamada «porque era onde estaban as pilas e a moa de pedra para desfacer a casca de carballo coa que curtían as peles». É en pleno centro urbano onde se sitúan esas vivendas tamén históricas e nas que tampouco reside ninguén que velle pola súa adecuada conservación. Non corre mellor sorte o descoidado inmoble que fai esquina coa rúa Alexandre Bóveda, mirando ao cruzamento de estradas. Construído como tal en 1850, definiu o crecemento da localidade, segundo apunta Broz, que sinala como un «milagre urbanístico» a amplitude do centro urbano de Melide. «A existencia de antigos camiños reais evitou que se especulase co terreo», explica.