Seis concellos melloran a súa rede de augas con 265.000 euros da Xunta

E. Araújo SANTIAGO / LA VOZ

FRADES

CEDIDA

As axudas foron concedidas a Frades, Val do Dubra, Santiso, Boimorto, Toques e Touro

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

A liña de axudas habilitada pola Consellería de Infraestruturas para financiar obras en municipios de menos de cinco mil habitantes supuxo a concesión de 265.000 euros a seis concellos da área compostelá. En concreto, Frades recibiu 50.000 euros para ampliar a rede de abastecemento a Pibideira e Peñasco, un importe idéntico ao consignado para a ampliación da rede de saneamento de Niveiro (Val do Dubra), mentres que a partida para a depuradora e a rede de residuais de Vilanova (Boimorto) ascende a 49.978 euros. Toques, pola súa banda, obtivo 41.081 euros para mellorar a planta potabilizadora da Capela.

Santiso é outro dos concellos con asignación económica, no seu caso para financiar dúas obras: mellorar o abastecemento da antiga escola de Pena Posta (18.363 euros) e o saneamento de Visantoña (17.897 euros).

A listaxe de concellos acollidos a este plan tamén inclúe a Touro , con 38.7199 euros para o pretratamiento de residuos da depuradora municipal. Precisamente, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse onte a este municipio, onde confirmou que as axudas para toda Galicia ascenden a 4 millóns de euros.