Frades acondicionará o multiusos como biblioteca e aula de informática

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

FRADES

PACO RODRÍGUEZ

O Concello pechou un acordo con Medio Rural

13 novs 2018 . Actualizado ás 09:37 h.

O Concello de Frades pechou un acordo con Medio Rural para habilitar parte do edificio multiusos como biblioteca municipal e aula de informática. Ambos os servizos estarán situados na planta baixa do inmoble que nestes momentos soamente ten acondicionada a planta alta, que acollerá o Museo de Apeiros Tradicionais e de Labranza.

A asignación autonómica para estas melloras ascende a 40.000 euros. O rexedor de Frades, Roberto Rey, e o conselleiro de Medio Rural, José González, asinaron onte un acordo para materializar o proxecto, que esa consellería cataloga como «senlleiro», a mesma consideración que o ano pasado tivo o acondicionamento do local social de Poulo, en Ordes, por que contribúen a promover a cultura. De feito, os fondos da biblioteca municipal de Frades están gardados nunha aula do colexio Ponche Carreira, pero non poden ser consultados.

A localización da biblioteca e a futura aula de informática non afectará ás distintas actividades socioculturais do edificio, que terán lugar noutro espazo do inmoble.