Inma López Silva gaña o premio de poesía Eusebio Lorenzo, que convoca Dodro

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

DODRO

Óscar Vázquez

Ademais da publicación do poemario, recibirá un premio en metálico de 2.500 euros

07 novs 2021 . Actualizado ás 17:43 h.

Inmaculada López Silva, escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e actual docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, resultou gañadora coa súa obra Clepsidras da 34 edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro.

Ademais da publicación do poemario, López Silva recibirá un premio en metálico de 2.500 euros. A decisión do xurado foi tomada por maioría tras valorar os 31 traballos participantes no concurso. De Clepsidras valoraron «a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir». Tamén destacan do seu traballo que «a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa».

A gañadora do certame é autora de obras destacadas como Concubinas, Memoria de cidades sen luz, Aqueles días en que eramos malas e O libro da filla.