Ou patrimonio de Dodro non Pazo de Meirás

Manuel Lorenzo Baleirón

DODRO

CEDIDA

«É tempo de dilucidar luces e sombras antigas e de restituír con elas a memoria»

01 dic 2020 . Actualizado ás 12:21 h.

Ten que haber outras nas arcas ferradas das vellas casas de Dodro, pero a magnífica fotografía que coñecemos do Pazo de Bendaña é do ano 1905 e foi tirada polo padronés Estanislao Pérez Artime. Se cadra era o día do San Campio, a festa grande da parroquia, porque vemos moita xente asomándose á balaustrada da torre maxestosa. Ou a feira do Vinte, que se celebraba alí mesmo, e despois das da Pascua de Padrón, tiña sona na contorna coa do Catorce de Vilachán ou a do Vintenove de Estramundi: «O carallo vintenove éche a feira en Estramundi». O inmoble tivo diversos nomes ó longo do tempo. Ángel del Castillo denomínao a Torre ou o Pazo de Dodro, aínda que tamén se chamou o Pazo de Vigo ou a Casa do Marqués. Nos anos vinte do século pasado o viaxeiro Aubrey F. G. Bell refírese a el como o Pazo do Conde. A cor púrpura dos montes de Dodro inzados de carrouchas lembráballe ó viaxeiro escocés as montañas do seu Cumberland natal.

 

Non se deu atopado a acta nos arquivos municipais pero parece que foi por volta do ano 1940 cando o Pazo de Bendaña, situado na aldea de Vigo, lle foi «doado» ó «xeneralísimo», desmantelada pedra a pedra a súa torre e trasladada en camións militares a Meirás. Agora que se dictou unha orde xudicial para facer inventario dos bens do Pazo de Meirás, desde Dodro agardamos que se consignen tamén aqueles que procedían de aquí.

A balaustrada, cos seus fermosos pináculos, dispúxose sobre o muro de contención da explanada ós lados da escaleira principal. Segue alí. A varanda aparece na película Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, pero é un anacronismo, coma ese reloxo de pulso que se pode ver nunha película de romanos, porque non podía estar no tempo da escritora. Xa morreron os canteiros que participaron obrigados na demolición. Falamos con eles hai algúns anos e lembraban a fermosa fonte do patio e os canzorros cos mastíns labrados en granito sostendo a balconada.

Dos cinco escudos brasonados de Dodro tan só fica un en pé. Os outros catro deben de andar tamén dando tombos por Meirás. Carlos Babío e Manuel Pérez no documentado libro que escribiron sobre o pazo recollen a imaxe de algún convertido nunha fonte.

Franco visitou Dodro en máis dunha ocasión, acompañado da súa garda moura. Mandaba calear antes as fachadas das casas que quedaban ó lado da estrada por onde pasaba a comitiva, desde a Trabanca de Padrón ata pasada a ponte de Vigo. Nin un metro máis. Cos brazos en xerra e o breve queixo ergueito, seica lle gustaba contemplar enfonchado, desde o alto da aldea, os seus dominios, á beira da canle de pedra que aínda existe e que levaba a auga para o pazo. Chaplin deixounos en algún fotograma do Gran ditador unha pose semellante.

Cando pasa por aquí o visitador arcebispal Jerónimo Hoyo en 1606 deixa escrito que estas terras son da xurisdición do «alguacil Ribera». D. Diego de la Torre y Ribera era en efecto alguacil maior do Reino de Galicia e señor, entre outros títulos, da vila de Lestrobe e do Coto de Dodro e do seu pazo. Despois pasou a ser, andando os anos, da xurisdición dos marqueses de Bendaña. Un deles, Carlos Josef Piñeiro e Ulloa, sabemos que posuía en Dodro unha importante biblioteca. Nun artigo publicado no periódico La Noche o 25 de xullo de 1947, Sánchez Cantón, que lle chama «O Marquesito», e mesmo nos dá vaga noticia dun seu amor desventurado, detállanos as case cento cincuenta obras que a compoñían e que se atopaban polo visto na sala e na antesala da torre: vidas de reis e de santos, crónicas de batallas e conquistas, historias piratas e de terras ultramarinas, obras de Cervantes, Lope e Tirso, de Góngora e Quevedo, de Frei Antonio de Guevara, de Camoens, o nobiliario de Vasco de Aponte ou as Armas y triunfos de Galicia de Frei Felipe de la Gándara… O reconto faise o 21 de maio de 1947, pero non se explica onde. Sería ben saber se esas obras están tamén en Meirás.

Na Arte de arquiveiros de 1828 Froilán Troche describe con detalle os dispendios e alardes de algúns fidalgos residentes nas cidades que os levaron a miúdo a endebedarse. Os señores de Ribera e despois os de Bendaña, que tanto montaban uns coma os outros, vivían en Compostela pero cobraban aquí e noutros lugares de Galicia as súas rendas. E nunca debían ter de abondo porque os veciños de Dodro enfrontaron por mor diso preitos nas instancias máis altas. Queda aínda quen lle chama ó de Vigo, «O Marquesado da Pernada», posto que nalgún momento parece que exerceron o dereito atávico e atroz da ius primae noctis de deitarse coa noiva a primeira noite antes que o propio marido. E tamén permanece na memoria colectiva dos de Dodro aquel día en que, fartos de abusos e de afrentas, os que o levaban na angarella á misa dominical de Santa María, botárono desde os pasais ó río de San Lufo. Unha boa representación para correr o entroido nestas terras.

«Na capela, onde a lentura do barroco prende en ouros ultramarinos e exercita as súas mazás e os seus acios ubérrimos, arrecende a marea baixa, a incenso, a cera (…) Nas súas estancias, cheas de vento e saudade, vibrou un tempo a fidalga voz antiga; as bicudas xerras sargadelas, nun XVIII con frautas e spinettas». Pinceladas de luz coas que nos agasalla nun artigo de 1956 sobre o Pazo de Vigo o pintor e poeta Urbano Lugrís, que debuxou romarías e catedrais somerxidas nas paredes das tabernas. A capela citada era a do San Xosé, agora reaproveitada como alpendre. Consérvase unha talla do santo de fermosa factura, comesta pola couza, así coma as paredes e o teito coa cornixa volteada, de rexa cantaría, pero non sabemos onde pararon os acios e as mazás de ouro do retablo.

Do soberbio torreón barroco dos marqueses quedan apenas muradellas encastradas nas paredes máis recentes. Coma o de Meirás e coma tantos outros, tamén proxectou as súas sombras crepusculares, agora esvaecidas na distancia. É tempo de dilucidar luces e sombras por ver de recompor con elas a memoria. Se difícil é o regreso para os lebreiros de pedra do Pazo de Bendaña, quizais poidan á fin soñar con el, alá desde as Mariñas, os profetas que labrou Mateo para o Pórtico.

Fotografía do Pazo de Bendaña, en Vigo (Dodro), realizada en 1905 por Estanislao Pérez Artime