A Deputación apoia ao Concello de Dodro para recuperar o lugar orixinal do chan industrial

La Voz DODRO / LA VOZ

DODRO

CEDIDA

Valentín González Formoso realizou unha visita institucional ao municipio

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou onte o Concello de Dodro, no que comprometeu «todo o apoio técnico, xurídico e económico» da institución provincial para que este Concello poida recuperar a localización orixinal do chan industrial, situada na zona de Fonte Primeiral, e impulsar desde alí iniciativas empresariais que axuden a xerar emprego e actividade económica.

González Formoso estivo acompañado na visita institucional pola deputada provincial Sandra González e polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, ademais doutros concelleiros do goberno local.

«Se queremos que os pequenos concellos sigan tendo vida, necesitamos algo máis que apoialos para que conten con servizos e infraestruturas axeitados. Nos últimos catro anos, a Deputación investiu 2,5 millóns de euros para mellorar rúas e estradas, crear sendas peonís e áreas recreativas ou mellorar as escolas unitarias de Lestrove, Vigo, Chenlo e Bexo, pero é imprescindible xerar actividade económica e emprego para que a xente decida quedarse e establecer aquí a súa familia, o seu proxecto de vida», asegurou o presidente da Deputación, que visitou dúas empresas do municipio: Fesba, de produtos conxelados do mar, e o taller de confección de peletería Ana Muñiz. Esta, que é concelleira do goberno local, contou que ven obrigados a ampliar a empresa noutro concello, en Padrón, debido á ausencia de chan industrial que lle permita facelo en Dodro. No Concello, o alcalde entregoulle ao presidente da Deputación dous proxectos para a mellora integral da seguridade nunha estrada provincial.