Un veciño de Dodro, a piques de morrer tras morderlle unha víbora

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

Aínda asustado, agarda recibir hoxe a alta hospitalaria

15 oct 2019 . Actualizado ás 23:04 h.

O veciño de Dodro José Luis Ríos Doce, de 63 anos, agarda recibir hoxe a alta médica do Hospital Clínico-Universitario de Santiago no que ingresou o venres pola tarde despois de sufrir a mordedura dunha serpe. El mesmo relatou onte por teléfono o sucedido, aínda co susto no corpo, despois de permanecer doce horas ingresado na Unidade de Coidados Críticos.

O veciño da aldea de Vigo, que foi cociñeiro e está xubilado, saíu a pasear o venres á primeira hora da tarde pola zona das Brañas, nas inmediacións da empresa Fesba, en Tallós, para ver as vacas que o seu fillo ten na zona. Saíu a andar calzado con chanclas e sen calcetíns. «Foi fallo meu ir así», recoñeceu onte José Luis Ríos, quen dixo atoparse xa bastante ben de saúde.

O home non tiña previsto saírse da pista asfaltada, pero fíxoo para andar uns pasos por unha de terra que baixa ao río cando, de súpeto, xa sentiu a mordedura da culebra que, segundo fontes consultadas, podería ser unha víbora cantábrica, unha especie que ten nas Brañas unha «zona propicia».

«Doume tempo a vela culebra, pero non a matala», conta o afectado. Calcula que mediría uns 40 centímetros e era de cor verde e marrón escuro. «Non sei se a pisei, se pasei ao lado dela; os médicos dixéronme que normalmente non atacan así sen máis», explicou o veciño de Dodro, que sufriu a mordedura na zona do nocello.

Nada máis ocorrer, José Luis Ríos o seu foi ao momento de Atención Continuada (PAC) de Padrón, onde lle puxeron unha inxección e mandárono a casa, dicíndolle que ese tipo de culebras teñen pouco veleno e non adoita pasar nada. Tamén lle indicaron, segundo conta, que vixiase se había algún tipo de reacción.

E hóuboa. Á media hora de estar en casa, aproximadamente, xa se puxo malo e o seu fillo Emilio avisou ao servizo de urxencias. O home foi trasladado en ambulancia sobre as seis da tarde ao Hospital Clínico de Santiago, onde permaneceu ingresado doce horas na Unidade de Coidados Críticos, despois de sufrir dous shocks cardíacos e quedar sen pulso.

Tras esas horas críticas e tras recibir o antídoto, o veciño mellorou o sábado pola tarde e o domingo pola mañá pasou a planta, onde hoxe agarda recibir a alta. «Din os médicos que puido ser unha víbora, pero non sei», explicou onte o veciño de Dodro, que recoñece que «levei un susto bo» e que o ocorrido «a min chegoume».

«Hai unha zona das Brañas que está limpa, pero o resto dá pena»

José Luis Ríos contou onte que lle parece non chegou a perder a consciencia do todo e que, aínda que non se acorda de moitas cousas, se se dá conta de que «estiven moi mal». O veciño de Dodro explicou que a zona pola que saíu a pasear, xunto á fábrica nova de Fesba, aínda está bastante limpa comparada con outras parte das Brañas de Laíño, debido á presenza das vacas e tamén a que hai leiras que son traballadas por un gandeiro de Rois, en concreto, con plantacións de millo. «Hai un anaco bastante limpo pero o resto, sobre todo tirando cara Dodro, cara o río San Lufo, na zona de Vigo, é unha pena como está».

José Luis Ríos asegura que nesa parte «xa teño visto máis culebras, pero é zona protexida e tampouco se pode facer nada».