Denuncian unha agresión ás murallas dun castro de Dodro

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

CEDIDA

Hai rastros do paso de motos sobre o xacemento de Bexo

12 jun 2019 . Actualizado ás 07:48 h.

A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) denuncia unha nova agresión a un elemento patrimonial, neste caso o castro de Bexo, no municipio de Dodro. Segundo explica, as motocicletas «camparon impunemente a pasada fin de semana por riba das murallas do xacemento». Neste sentido, desde a entidade engaden que mentres se fomenten os denominados deportes de aventura «sen explicar que o que estragan é o noso legado cultural, que leva catro mil anos sen problemas, mutilando a nosa propia identidade e a nosa condición de galegos, seremos un pobo condenado á desaparición e á autodestrución».

Así, Apatrigal engade que, neste caso, «non vale dicir que as motos agrediron o castro de Bexo por non estar sinalizado» xa que, sinala, «tódalas pedras que temos nos montes son patrimonio, incluso os valados de pedra con xunta seca, patrimonio inmaterial da humanidade».

A asociación para a defensa do patrimonio é moi crítica con este tipo de actos e fala de que, «cada semana, asistimos a unha agresión patrimonial, e aínda que o noso patrimonio é inmenso todo el merece un respecto, para o que temos que coñecelo e gozar del». Apatrigal considera que «os modos de comportamento cambiaron e novas actividades poñen en risco relevantes legados que levan catro mil anos con nós, moitas veces porque perdemos os valores que nos transmitiron e a frivolidade está por riba do coñecemento». Por iso, fala de que leva tempo agardando por un «mapa no que teñamos situados todos os bens de Galicia e no que se poidan ir incorporando novos achados, para o que queira visitalos e para que todos os respectemos».

O castro de Bexo está na parroquia de San Xoán de Laíño e en terreos de monte da Comunidade Cruz do Avelán. A outro do municipio de Dodro, a de Balouta e Fontecoba, ten instalados desde hai máis dun ano 17 paneis informativos no monte da súa propiedade nos que indican que os terreos, pistas e camiños forestais teñen limitación no tránsito de vehículos. Tamén sinaliza a prohibición de motocicletas e quads, entre outras, como prender lume ou tirar lixo. A colocación dos carteis debeuse a que a entidade constatou que as motos e quads «desfacían todo».

Apatrigal asegura que cada semana se produce un ataque ao patrimonio