A lista vermella do patrimonio comarcal suma unha vintena de bens en perigo

Pazos, castros, cruceiros, hórreos, capelas e outros vestixios históricos ven ameazados polo seu abandono


Santiago / a voz

Corren un «grave perigo», xa sexa de destrución, alteración ou desaparición. A Lista Vermella de Patrimonio Galego menciona unha vintena de bens e vestixios históricos da comarca. Para algúns, xa hai algún proxecto de recuperación. Pero son unha minoría. A maior parte deles están abocados ao esquecemento, sumidos no abandono. En moitos casos, condenados a desfacerse en ruínas sepultas pola maleza, a única vida que entrou nos últimos anos en pazos, castros, capelas, reitorais e edificios do pasado industrial.

No capítulo dos pazos, o do Casal (Brión), é o único que figura tamén na Lista Vermella de Hispania Nostra que, a diferenza da anterior, é de ámbito nacional e as catalogacións do patrimonio en perigo que se lle notifican pasan moitos filtros ata entrar nesta relación de despropósitos. O edificio barroco que foi propiedade dos condes de Altamira desde o século XVII acollía outrora a festividade de San José na súa capela. Hoxe o seu estado é «de ruína. Sen teitumes, salvo a capela», di a súa ficha de Hispania Nostra, na cal se destaca que o acceso ao seu interior está prohibido polas condicións nas que se atopa, ademais de ter sufrido «malas restauracións historicistas» que alteraron a súa fisionomía orixinal.

Ademais de leste, a plataforma Patrimonio Galego cita o pazo do Espiño, que parece terá un final feliz, co diñeiro para a súa rehabilitación garantido e un proxecto que recuperou o Concello de Santiago para licitar a posta a piques do casarón este verán.

Restos arqueolóxicos

Os bens arqueolóxicos son, con diferenza, os que máis vergoñas espertan na lista vermella comarcal. Empezando polos castros de Imo (Dodro), «gravemente alterado, case destruído, atravesado de norte a sur por unha estrada local asfaltada»; de Barbeira (Santa Comba), do que só queda un «pequeno rastro», documenta o investigador e divulgador Elixio Vieites; de Currais (Compostela), «destruído en datas relativamente recentes»; ou o de Loureda (Boqueixón), que no PXOM do 2015 aparece como gravemente alterado e cunha espesa e densa vexetación ao seu redor. E seguindo por dous das últimas incorporacións: o xacemento de Riasós (Dodro), desbaratado pola construción dunha vivenda; e unha das mámoas das Madorras (Ames), aparentemente alterada polas máquinas que traballan na plantación de eucaliptos.

Da fonte renacentista do pazo de Trasouteiro (Brión), catalogada entre os bens patrimoniais da Xunta, só queda a base. O resto de elementos desapareceron nunha soa noite e crese que foron roubados. E sen capitel nin cruz están tamén o cruceiro Vello de Calo (Teo), «a punto de esborrallarse pois un eucalipto está metendo as raíces por baixo da plataforma», denunciou o colectivo A Rula; así como o de Alfredo de Bustelo (Dodro).

Son só algúns exemplos dunha extensa lista de bens catalogados aos que non se lles fixo xustiza e para os que o tempo xoga en contra.

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Santiago

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
15 votos
Comentarios

A lista vermella do patrimonio comarcal suma unha vintena de bens en perigo