Boccia, o deporte que rompe as barreiras e normaliza ao diferente

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

BOQUEIXÓN

Sandra Alonso

Catro persoas con discapacidade motora mostraron aos alumnos do colexio de Boqueixón o seu dominio dunha disciplina
da Grecia Clásica

16 feb 2019 . Actualizado ás 20:48 h.

«A única discapacidade é unha mala actitude», afirma María Paz Couto, profesora de Educación Física do colexio Antonio Orza, que desde hai dous anos organiza no centro distintas actividades para que os máis novos tomen conciencia de que as persoas diferentes non o son tanto, ou que en realidade se distinguen do resto pola súa capacidade para superar retos que non resultan precisamente sinxelos.

Nesta ocasión, o centro contou coa axuda de Aixiña, unha asociación sen ánimo de lucro de Ourense que desde o ano 1991 traballa para a normalización social das persoas con discapacidade. Conseguilo co deporte é unha das apostas deste colectivo, que o venres desprazou a catro xogadores de boccia, unha disciplina moi similar á petanca que ten as súas raíces na Grecia Clásica e que desde 1984 está recoñecida como un deporte paralímpico no que varios xogadores de Aixiña cultivaron importantes logros.

O alumnado dos últimos cursos do centro xa sabía o que é pórse na pel dunha persoa invidente e practicar distintos deportes. Tamén a complexidade que supón xogar ao baloncesto en cadeira de rodas. Esta semana probaron as dificultades de practicar boccia cando tes problemas severos de mobilidade física ou padeces unha parálise cerebral, polo que a limitación de movemento pode ser extrema e para a que hai ferramentas homologadas. Patricia Raquel Méndez López foi unha das xogadoras que participou na exhibición. «O único que queremos é que nos entendades. Vale?», explícalles a nova, consciente de que a súa voz pode non resultar moi compresible polas consecuencias da súa enfermidade. «¡¡¡¡Valeee!!!!», responden o unísono parte dos estudantes de Boqueixón. Todos aplauden cando a deportista os invita a botar unha partida.

Ela e os seus compañeiros de faena viaxaron a Boqueixón con varias persoas que os apoian en todo canto necesiten. Un deles é Lalo Blanco , que defende este tipo de actividades para que mozas como os alumnos do CPI Antonio Orza coñezan «unha realidade que sempre está presente, aínda que moita xente non a perciba» e á que se enfrontan persoas desde o seu nacemento, ou como consecuencia dun accidente ou unha enfermidade. Practicar un deporte adaptado ao seu físico, explica Blanco , achégalles «vos mesmos valores que ao resto de deportistas: solidariedade, competición e amizade» e axúdalles a conseguir ferramentas para, engade, «gozar dunha vida plena porque dá sensación de continuidade».