Xulgan á directiva da residencia Santa Olalla por atar a dúas usuarias

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

BOQUEIXÓN

PACO RODRÍGUEZ

A Fiscalía pide tres anos de cárcere para tres directoras e a médica do centro

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A actual directora da residencia de maiores Santa Olalla de Boqueixón, Patricia Miguélez, e outras dúas mulleres que ocuparon anteriormente ese cargo, Erika Ramos e María del Pilar Carballo, exponse, xunto á médica do centro, María Ascensión Eguas, a tres anos de cárcere por dous presuntos delitos de trato degradante por ter inmobilizado nas súas camas a dúas usuarias das instalacións, que xestiona a Fundación San Rosendo. A Fiscalía, ademais, solicita que ambas as señoras sexan indemnizadas con 3.000 euros cada unha, aínda que xa faleceron.

Os feitos remóntanse ao 12 de febreiro do 2016, cando un xuíz e un forense do Imelga de Santiago acudiron á residencia para ratificar o internamento non voluntario dunha muller que padecía demencia. Alí comprobaron que estaba atada cun cinto abdominal por orde da médico do centro, que indicaba esta medida nunha nota que especificaba «se existía axitación». Maxistrado e forense comprobaron que a señora estaba nese momento tranquila, encamada e soa e cando intentaron falar con ela pediulles auga, ante o que ambos requiriron á dirección da residencia que a desen de beber e retirásenlle a suxeición. A pesar diso, a doutora Eguas e a que era directora naquel momento, María del Pilar Carballo, mantiveron as ataduras. Algo que a Fiscalía tamén reprocha a Erika Ramos, que fixo o propio cando accedeu ao cargo.

O 25 de maio do 2016, unha inspección extraordinaria realizada pola Fiscalía compostelá na que, ademais de dous fiscais, ía tamén un forense detectou que outra muller estaba atada a pesar de estar adormecida pola medicación «non axitada e soa nun cuarto». O médico do Imelga detectou que non había documentación que acreditase a necesidade desta medida, polo que se ordenou a retirada do cinto abdominal, pero non foi ata o 4 de xullo dese mesmo ano cando lla desatou.

No xuízo declararon como testemuñas, ademais de varias enfermeiras do centro, o forense que fixo as visitas e un dos fiscais, Jorge Fernández de Aránguiz, unha escena pouco habitual nos xulgados.