A galega Susú Cores deixa o Boimorto para recalar no fútbol feminino de Ecuador

BOIMORTO

Pepa Losada

A ribeirense, que se converteu na primeira muller en dirixir un equipo de Preferente, afronta o reto de loitar pola liga con Independente do Val

24 ene 2020 . Actualizado ás 11:05 h.

Susú Cores deixará Boimorto para recalar no fútbol profesional de Ecuador . A ribeirense, que se converteu esta tempada na primeira muller en dirixir un equipo galego de Preferente , collerá as maletas para tomar as rendas do conxunto feminino de Independente do Val, As Dragonas, club de Primeira División que se marcou como obxectivo para o curso que comezará en marzo pelexar polo título de liga e clasificarse para a Copa Libertadores.

Sobre se o paso foi sinxelo, a barbancesa recoñeceu que «ao principio tes dúbidas, deixas todo atrás. A vida cámbiache ao 100 % pero penso que é unha oportunidade moi interesante que, se igual non aproveito agora, talvez non o faga nunca». Non será ata o día 10 que collerá o avión con destino a Quito, onde lle agarda o seu novo equipo. Atrás deixa ao Boimorto, cuxas rendas tomarán Manuel Millán e Alba Meilán, e o seu cargo como técnica da selección galega sub-15 feminina, coa que dirixiu a súa última sesión este mércores.

«Aínda non tiven tempo a parar, pero teño sentimento atopados», afirmou a ribeirense, que se atopará en Ecuador con outro veciño da capital barbancesa, José Mato, que se fixo cargo dos equipos sub-18 e reserva do Independente do Val. Iván Vázquez e Luis Pastur son os outros galegos que forman parte do corpo técnico do conxunto suramericano.

O obxectivo

Cores chega ás Dragonas coa determinación de cumprir os obxectivos marcados. «O club quere pelexar polo título de liga e entrar na Copa Libertadores, esta última tempada quedaron fóra por moi pouco e este ano é a meta prioritaria». Non hai demasiado tempo que esta técnica chamada a romper barreiras recoñeceu nestas páxinas que o seu soño era poder vivir do fútbol: «A verdade é que pouco despois parece que se cumpre en gran parte. Vouno conseguir, aínda que talvez un pouco lonxe de casa [ri]».

Agora só pensa en aproveitar ao máximo a experiencia: «Teño a oportunidade de traballar do que máis me gusta e de coñecer unha nova cultura. Se o que deixo atrás, pero é unha experiencia persoal que agardo que me poida abrir máis portas e que me permita aprender un pouco máis. Despois a ver se nos imos achegando aos poucos».

Antes de marchar tivo tempo de deixar ao Boimorto nunha boa situación para lograr o seu obxectivo, que non é outro que a salvación. Tamén cumpriu coa selección, que se meteu na segunda fase de campionato de España . Agora falta o seu, cumprir un soño que levaba agardando anos a que se fixese realidade. As Dragonas agardan xa a unha adestradora con ganas de comerse o mundo.