En marcha a décima edición do concurso «Coñece ou teu concello»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

BOIMORTO

ÁLVARO BALLESTEROS

O prazo para entregar as redaccións e debuxos do certame escolar que convoca La Voz concluirá o 31 de maio

01 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa está en marcha a décima edición do concurso infantil de redacción e debuxo Coñece ou teu concello, organizado por La Voz de Galicia coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Todos os nenos e nenas que queiran participar, xa sexa a través dos seus colexios ou por libre, teñen dous meses de prazo a partir de agora, ata o 31 de maio, para elaborar e entregar os seus traballos, nos que poderán dar renda solta, nunha redacción dunha carilla tamaño folio ou nun debuxo, todo o que lles inspira a contorna máis inmediata das súas vidas, xa sexa a súa cidade, o seu pobo, o seu barrio, os parques onde xogan, o seu colexio, a natureza, os monumentos, todo o que lles gusta máis ou lles gusta menos.

O certame Coñece ou teu concello estrutúrase en dúas modalidades: debuxo, ata 8 anos de idade; e redacción, de 9 a 12 anos. Poden participar todas as nenas e nenos que o desexen, e que residan en calquera dos 25 municipios do ámbito territorial da edición de Santiago de La Voz: Ames, A Baña, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santa Comba, Santiago, Santiso, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

Miles de escolares participaron ao longo das nove edicións anteriores de Coñece ou teu concello, que sempre tivo un respaldo masivo dos centros educativos, que inclúen esta actividade didáctica nos seus programas; e das familias, que animan aos pequenos da casa a dar renda solta á súa imaxinación e plasmala nunha redacción ou nun debuxo.

Premio para escolares e centros

Os centros escolares recibirán nos próximos días os persoais, tanto para as redacción como para os debuxos, para que os participantes poidan plasmar nelas as súas creacións, así como as bases do certame. No reverso deberán facer constar os datos do alumno, do seu docente e do pai, nai ou titor legal. As redaccións e debuxos tamén poden realizarse nun folio tamaño A-4. Os traballos deberán ser remitidos á Delegación de La Voz de Galicia (rúa Salgueiriños de Arriba, 44. 15703 Santiago).

En cada unha das modalidades de redacción e debuxo haberá un primeiro premio, que será un iPad mini Apple, e dous accésits, con senllas tablets Samsung. En total, dous iPad e catro tablets. Ademais, nesta edición, para premiar aos colexios, aqueles a os que pertenzan os dous gañadores recibirán un computador portátil cada un.