Uriol: «Se somos os máis goleados, todos debemos mellorar»

Iván Díaz Rolle
I. Díaz Rolle VIVEIRO / LA VOZ

ARZÚA

Sandra Alonso

O defensa do Viveiro fai autocrítica e recoñece que o Arzúa lles pasou por amais

30 novs 2020 . Actualizado ás 19:14 h.

Tras a euforia das dúas xornadas iniciais, o Viveiro deuse de bruzos coa realidade da súa nova categoría. Nos seus catro últimos partidos en Terceira División acumulou un só punto co empate no feudo do Paiosaco (0-0), mentres que recibiu severas goleadas fronte á Polvoreira (4-1), o Somozas (1-5) e o Arzúa (4-0). «As sensacións son bastante malas. Xa víñamos dunhas xornadas non moi boas, pero contra o Arzúa fixemos o noso peor partido», recoñeceu o defensor Uriol Díaz.

Con 15 tantos recibidos en só seis encontros, os mariñáns son o conxunto máis goleado de Terceira. «Claro que estamos preocupados porque estamos cometendo erros moi graves. Ata o de agora, condenárannos en varios partidos eses fallos puntuais, e contra o Arzúa volvemos telos, pero ademais pasáronnos por riba, superáronnos en intensidade», asumiu o canteirán do equipo celeste, que comezou o partido de central e na segunda metade pasou ao lateral dereito.

O futbolista viveirense, de só 21 anos, móstrase desgustado co rendemento do equipo e co seu en particular tras ser titular en cinco dos seis partidos e alternar esas dúas posicións: «O lateral non é a miña posición e sufro bastante, pero de central tampouco estou dando o cen por cen, nin moito menos. Cometín xa demasiados erros. Teño que espabilar, estou pecando de pardillo, tomándome licencias que ao mellor se podían tomar en Preferente, pero non en Terceira».

Para Uriol, ese proceso de adaptación a unha categoría máis esixente está a ser custoso para todo o persoal: «Se somos os máis goleados e non saen as cousas, todos debemos mellorar. Creo que a nosa actitude ten que cambiar, temos que mirar cada un para si e pensar que podemos corrixir. No seguinte partido temos que saír a roer dende o primeiro segundo, deixar de ser tan inocentes e ser conscientes de que en Terceira os erros penalizan moito máis que en Preferente», explicou centrado no derbi contra o Racing Vilalbés esta fin de semana.