Manuel Vázquez, vendedor da ONCE en Arzúa: «Ser agradable é o principal, pero a xente valora que lles teñas horario»

Natalia Rodríguez Noguerol
Natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

ARZÚA

NOGUEROL

A entidade distinguiuno como o mellor despachando cupóns na zona de Santiago

10 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Vázquez encóllese de ombros cando se lle pregunta que ten para ser un dos mellores vendedores da ONCE en Galicia. Cústalle admitir como o fai. Pero abonda con observalo un par de minutos no despacho móbil que instala nunha céntrica esquina do centro urbano de Arzúa para intuílo. «Por 2 euros, levas dez millóns», «tes parte do cupón que pagaches», «aí tes, un con pago; non tes ningún para cobrar», espolvorea entre os seus clientes. Está claro que con don de xentes e un enxeñoso pico de ouro despacha cupóns como churros este arzuán de 53 anos, distinguido recentemente pola organización como o mellor vendedor da zona de Santiago.

E son 111 os vendedores da ONCE na súa demarcación santiaguesa, que abarca a área de influencia da capital, e O Barbanza; con municipios, por poboación, con maior clientela potencial que Arzúa, onde o impacto turístico do Camiño Francés apenas repercute nas vendas. «Algún peregrino compra, pero non teñen o peso importante que parece pola cantidade deles que pasan», conta o home que, meses atrás, cumpriu 3 anos no posto fixo de venda que conseguiu na súa localidade natal. Desde entón, e aínda que traballa a pé de rúa, chova, neve ou faga sol, as condicións de traballo son outras; mellores. «É máis cómodo que a venda ambulante», afirma para lembrar ao fío episodios pasados: «Máis dunha vez teño metido un machete no coche para partir pólas de árbores caídas na estrada por temporais».

Pero da súa etapa como vendedor ambulante da ONCE, Manuel Vázquez tamén atesoura bondades, como clientes de Melide, Toques, Santiso ou Boimorto «que me quedaron da etapa anterior, e non pasan por aquí sen parar a facerme unha visita», conta. Como ambulante no interior coruñés traballou catorce anos o vendedor de Arzúa, que o pasado decembro fixo dezaoito na organización. Unha lesión nunha man despois de anos traballando nunha empresa da construción -ten recoñecida unha minusvalía do 38 por cento mandouno ao paro. «Pasei uns anos mal; ninguén me ofrecía traballo», conta. E foi unha irmá, vendedora da ONCE na Coruña, a que o animou.

Hoxe é outra irmá, Charo, cun local de hostalería no que fan gala do afamado queixo de Arzúa, a que comenta que «eu sempre lle digo que ten el máis xente que os bares». E iso non é pouco. Admite que ten unha clientela fixa ao día dunhas cincuenta presentas, entre as que, subliña, «hai moitas mulleres». Gando tenllo. E non só a base das indiscutibles cualidades que ten como vendedor. «Ser agradable é o principal, pero a xente valora que lles teñas un horario». E ás nove da mañá plántase na esquina entre a rúa dos taxis e a travesía principal de Arzúa. Agradece o acubillo que lle brindan na cafetería alí situada para atenuar os efectos dun inverno que, sen remedio, «se fai demasiado longo», di. E alí está ata a unha e media da tarde, cando emprende un periplo comercial dunhas dúas horas polos locais de hostalería que dan comidas. Xa os peiteou a primerísima hora da mañá -«entre os clientes madrugadores, véndese moi ben», apunta- e, por se iso fose pouco, pon a disposición o seu número de teléfono móbil para «atender peticións por WhatsApp», conta. Non estraña que Manuel Vázquez lle andase á zaga ao vendedor de Ferrol que a ONCE distinguiu como mellor vendedor rexional en 2018.