Xavier Lozano, o Cupeiro de Ames que saca música ata dunha cadeira ou o valo dunha obra

AMES

Este multiinstrumentista e lutier actuou en China, Corea ou EE.UU.
15 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.—Vin un vídeo seu sacando música dunha cadeira de Ikea e tocando todo tipo de obxectos, un pouco como fai Abraham Cupeiro... «—Si, é unha boa comparación. Somos moi amigos, de feito, e pedímonos consellos mutuamente, aínda que non nos dediquemos a facer o mesmo. El está noutro nivel. Somos distintas ramas da mesma árbore», di Xavier Lozano, un músico multiinstrumentista e lutier de 55 anos capaz de sacar melodías ata dun valo de obra. Nado en Badalona, reside en Covas (Ames) desde hai 3 anos e nun tempo marca fíxose gallegoparlante —cunha sorprendente fluidez—.
«Sempre estou tratando de aprender e, sendo catalán, estou moi concienciado co tema da lingua», explica un home que acabou mudándose á comarca compostelá «por amor». E como acabou convertendo en instrumentos de vento un ladrillo, regadera ou escaleira? «Ninguén na miña familia tocaba. Aprendín na escola a tocar instrumentos tradicionais cataláns e escollín o tible, que é un instrumento endémico de palleta dobre e ten a lingüeta coma a dunha dulzaina. Máis tarde, xa na adolescencia, herdei un saxo do tío do meu pai e comecei a tocalo. Logo fixen os meus estudos de saxo no conservatorio. E, cuns 20 anos, púxenme a explorar outros instrumentos. Gustábanme as frautas de bambú da India ou Sudamérica e comecei a investigar pola miña conta. Como daquela apenas había internet, fun á India e isto deume unha apertura de miras maior. Espertou o meu interese noutras músicas e nas frautas árabes. Sempre conto que, cando o meu avó Josep rompeu a cadeira e o fémur, a comezos dos anos 90, vin que a súa muleta era un tubo con buratos do que podían saír melodías... e toqueino como se o houbera tocado toda a miña vida», responde.
A curiosidade innata de Xavier levou a trastear con outros obxectos cotiáns para explorar a súa sonoridade «e empecei a ir por escolas e institutos, cunha visión moi pedagóxica, para que os mozos descubran as posibilidades musicais que hai nunha vasoira, no pau dunha obra...», relata un xardineiro de profesión ao que lle gusta observar paxaros e chegou a tocar «os meus trastes» en China (onde xa estivo media ducia de veces), na televisión coreana ou en Los Ángeles (EE.UU.). «Eu son dos que penso que non podes facer só unha cousa e non concibo que un músico toque un só instrumento. Por moito que me gusten as lentellas, eu non as podería comer todos os días», argumenta. «Non hai unha época na historia da humanidade ou lugar do mundo onde non houbera unha manifestación musical. A música é máis antiga cos instrumentos e a idea do que fago non é nova porque xa se instrumentalizaban as ferramentas do campo ou da cociña na música tradicional. Eu levo isto ao guiador ou roda dunha bici, por exemplo», engade o director da Real Banda de Cadeiras Encartables, conxunto duns 20 compoñentes creado o pasado ano ao que moitos viron nas festas do barrio de San Pedro. E, hai uns días, Xavier actuou a título individual no Hostal dous Reis Católicos dentro da programación das II Xornadas de Frauta de Galicia.
Ademais de tocar a título individual, ten un trío para «mostrar estes instrumentos nun contexto máis harmónico e nun formato concerto», o Bufa&Sons (banda na que non están os seus fillos, a pesar de que moitos o pensen polo nome, o cal se refire á palabra son xa sexa en catalán ou en galego). Asegura que Galicia atopou un hábitat natural para a súa faceta musical: «Todos os músicos son frautistas ou gaiteiros e aquí hai ese punto xusto de tolemia para entender o meu proxecto».
O seu peculiar talento musical non pasou desapercibido para as televisións, do mesmo xeito que no caso de Cupeiro. Participou en concursos de talentos e dirixiu un programa educativo musical infantil na cadea autonómica catalá TV3 entre 2007 e 2009. E que hai dos proxectos a futuro? «Quedarme como estou. Este ano hai varios proxectos de viaxe, posiblemente un a Guadalaxara (México), pero está todo no aire. Teño que ir á India a tocar nun festival en outubro e unha viaxe máis persoal a Perú», repasa en voz alta Xavier, ao que lle gustaría «expandirme máis co meu trío por Galicia porque se non a vida convértese nun ir e vir en avión e, canto máis traballo aquí, máis contento me sinto».