O PP di que os rexistros de Teo, Santiago e Brión salvan a falta de citas en Ames para recorrer o IBI

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

maria rodriguez

Os populares lembran que a próxima semana conclúe o prazo para presentar recurso contra a liquidación do 2021

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

O PP de Ames sinala que os rexistros municipais de Teo , Santiago e Brión salvan a falta de citas no amiense para poder presentar recurso de reposición contra a liquidación do IBI do actual exercicio no concello, cuxo prazo expira a próxima semana. Expresan os populares o malestar de veciños de Ames polas dificultades atopadas para recorrer a subida do IBI.

Os principais afectados, sinalan, son residentes no Milladoiro, obrigados inicialmente a acudir a Bertamiráns por estar alí o Sistema de Interconexión de Rexistros, pero con só dez citas ao día. Ante a gran demanda empezouse a admitir presentalo tamén no rexistro xeral de Bertamiráns, cunha cita cada 15 minutos, «pero, aínda así, resultaba difícil atopar hora libre», e indican que xa non as hai. Pola súa banda, na oficina de Atención Tributaria da Deputación en Ames só atende os martes e os venres, e tampouco quedan ocos, asegura o PP.

Nese contexto, os veciños recorreron aos rexistros municipais de Brión, Teo ou Santiago, con menores restricións para presentar os recursos. En Santiago, ademais, atende sen cita previa de 9 a 10.30 horas. Outra posibilidade é remitir o recurso por correo certificado ou por rexistro electrónico. O modelo de recurso de reposición da web do PP sobe de 15.000 descargas.