Ames e Brión crean liñas de comunicación de incidencias mentres Oroso suma oitenta rexistros nun mes

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Sandra Alonso

A poboación amiense poderá enviar un wasap e a brionesa xa pode utilizar unha aplicación desde calquera dispositivo

03 ago 2021 . Actualizado ás 23:25 h.

Cantos máis ollos estean en disposición de alertar ante calquera incidencia, as posibilidades de resolvela deben ser maiores. Esta é a filosofía que os concellos de Ames e Brión queren aplicar cos seus respectivos sistemas de avisos, queixas e incidencias, que chegarán de forma instantánea e automática ao seu destino para que as administracións locais lles dean unha solución no menor tempo posible.

No caso de Ames , desde leste mesmo luns estará a disposición da cidadanía o número de teléfono 606 71 41 63 para enviar mensaxes de wasap. «Se hai unha farola sen luz, un columbio roto ou unha fochanca nunha estrada, o Concello de Ames quere sabelo». Este é un das mensaxes cos que o Concello invita a veciñanza a utilizar a aplicación whatsAmes incorporando o número de teléfono de avisos na axenda de cantas máis persoas mellor.

Blas García, rexedor amiense, resalta que «esta nova ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello pretende ser un elemento máis áxil e doado», xa que permite incluír fotos, arquivos de texto e tamén geolocalizar o lugar que orixina o aviso ou denuncia.

No caso de Brión , o sistema recentemente estreado denomínase Emerxia. Consiste nun xestor de alertas cun acceso moi simple, desde calquera dispositivo sen instalación ou descarga previa nin trámites de configuración, á dirección emerxia.gal/brion. Neste caso, a persoa que informa debe incluír os seus datos para evitar un uso inadecuado do sistema, que tamén permite incorporar fotografías, que xa quedan geolocalizadas ao envialas desde a aplicación. Como o proceso está a arrincar, non hai aínda divisións por tipo de incidencias.

«Acabouse o de chamar ao Concello para que o anoten nun postit que despois poida voar ou desaparecer. Desta maneira as inquedanzas quedan recollidas e serán respondidas de acordo a un procedemento establecido. Ademais, tamén nós temos así un completo informe», explica o alcalde brionés, Pablo Lago.

Pola súa banda, o Concello de Oroso xa estreou a finais de xuño un sistema similar de avisos, neste caso de atención directa para calquera xestión que consideren necesaria nas distintas parroquias.

O primeiro balance é moi positivo, xa que en pouco máis dun mes, e ademais no verán, a área de Servizos recibiu unhas oitenta solicitudes. Na súa maioría, as demandas referíronse a problemas de iluminación pública, xestión de residuos e limpeza. En canto á eficacia do sistema, deuse solución ao 85 % das incidencias recibidas, xa que «algunhas fan referencia a problemas e demandas máis complexas», explica el Concello. «Non hai mellor maneira de saber dalgunha carencia ou incidencia que dicirlle ao propio veciño que nos chame para darlle una solución», recoñecía onte o rexedor, Luis Rey.

O sistema de contacto é dobre: chamando ao número de teléfono 654 343 809 ou ben enviando un correo electrónico á dirección info\oroso.gal. Este servizo xestiónao o concelleiro de Servizos, Manuel Calvo.