Seis voces femininas disputarán a final de Canta con Ames

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Os vencedores decidiranse este sábado, nunha gala aberta ao público que se celebrará en Bertamiráns

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O sábado disputarase no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, coincidindo coas festas da Peregrina, a final do concurso municipal Canta con Ames e o xurado xa deu a coñecer quen se clasificaron para esta última gala. Dos 20 participantes que puxeron a proba as súas voces na semifinal, 6 continúan en liza. Son, na categoría infantil, Dania Virginia (Bertamiráns) e Carmen Cuevas (O Milladoiro), ambas as de 10 anos; na xuvenil, Lara López (Negreira) e Elena Mosquera (O Milladoiro), de 18 e 19 anos respectivamente; e na sénior, Montse Angueira (Negreira) e Noelia Belas (Bugallido).

Entre os cantantes que non pasaron á final sortearanse vales para gastar no comercio e hostalería local. JorgeLópez , presidente de XEA, María Perfecta González, membro da asociación Palmira Bulevar, e Salomé Blanco , en representación do parque empresarial Novo Milladoiro, fixeron entrega dos bonos doados polos asociados. Ademais, aos semifinalistas de cada categoría entrégaselles un trofeo e unha cesta con produtos naturais, xunto cun vídeo do seu paso polo concurso. Os gañadores, ademais dos premios antes mencionados, poderán cantar nas precampanadas e xunto á orquestra París de Noia o 3 de setembro.