Control de coches e 300 enquisas, primeiros pasos do plan amiense de mobilidade

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

XOAN A. ADOITAR

As consultas céntranse no uso de transporte público

13 abr 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ames , que está redactando a empresa IPLAN Mobilidade SL por un importe de 58.499,87 euros, entra esta semana na fase de estudos de campo. Os primeiros traballos consistirán nunha enquisa entre trescentas persoas que utilicen habitualmente o transporte público. Previsiblemente, a recollida de documentación levará a cabo entre hoxe e mañá.

Ademais, contabilizarase o número de vehículos nas zonas que concentran maior volume de tráfico, un traballo que se realizará coa instalación de cámaras e tubos dun material especial para rexistrar o seu paso.

Este documento, explican desde o Concello de Ames, «servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro».

A redacción deste plan forma parte das iniciativas financiadas do programa Impulsa Ames, con fondos europeos Edusi para favorecer unha economía con baixas emisións de carbono en todos os sectores, polo que unha das súas apostas é fomentar o transporte público.